Lugo volve saír á rúa para defender os dereitos do pobo palestino

LugoXa
A Rede Solidaria contra a Ocupación de Palestina (RESCOP) convocou por segunda vez de forma conxunta e simultánea a toda a cidadanía a saír ás rúas este domingo para esixir ao goberno do Estado español medidas concretas e eficaces contra o xenocidio na Franxa de Gaza e a ocupación, o apartheid e o colonialismo en Palestina.
lugo_por_palestina_concentracion
26 Feb 2024

A Rede Solidaria contra a Ocupación de Palestina (RESCOP) convocou por segunda vez de forma conxunta e simultánea a toda a cidadanía a saír ás rúas este domingo para esixir ao goberno do Estado español medidas concretas e eficaces contra o xenocidio na Franxa de Gaza e a ocupación, o apartheid e o colonialismo en Palestina.

Nun fallo histórico, o Tribunal Internacional de Xustiza ditou o pasado 26 de xaneiro unha serie de medidas provisionais para evitar o que indicou que pode ser un xenocidio, á luz das probas achegadas por Sudáfrica, que actúa como demandante contra Israel. A orde esixe a Israel que tome medidas para impedir actos de xenocidio na Franxa de Gaza e permita a entrada de Axuda Humanitaria sen restricións. O Tribunal declarou que as persoas palestinas teñen dereito a seren protexidas fronte a actos de xenocidio e ordenou a Israel “tomar todas as medidas ao seu alcance, así como castigar a incitación directa e pública a cometer xenocidio.”

Segundo o colectivo, ningunhas destas medidas están a ser adoptadas á luz das últimos masacres, e nin a Unión Europea nin o goberno español, que ten obrigacións legais como membro da Convención para a prevención do xenocidio, fixeron nada para acatar o ditame da Corte. “É máis, hai tan só uns días coñeciamos que o Goberno español mentiu sobre os envíos de armas a Israel, incumprindo a normativa estatal e internacional e incorrendo nun posible delito de complicidade con actos de xenocidio”, aseguran.

Por iso piden que o país se sume á demanda surafricana e impoña sancións a Israel para forzar ao seu goberno a cumprir a lei. “Os últimos anuncios do goberno israelí chamando á poboación da Franxa de Gaza a evacuar Rafah, zona na que se amontoan agora mesmo un millón e medio de persoas, a maioría delas desprazadas que fuxiron dos bombardeos que arrasaron o resto do territorio, son outra declaración de intencións explícita: non van parar ata destruír o último recuncho de Gaza e expulsalos a todos”.

Cese do fogo e fin da compravenda de armas

Despois das masivas mobilizacións do pasado 20 de xaneiro, con máis de medio millón de persoas nas rúas, a plataforma volveu saír á rúa “para esixir ao Goberno e aos partidos que o sustentan, que presionen e tomen medidas inmediatas e proactivas na defensa e a protección dos dereitos humanos en Palestina se non queren converterse en cómplices necesarios do capítulo máis doloroso da nosa historia máis recente”.

Deste xeito, esixen que lidere un cese do fogo inmediato e permanente, que poña fin á compravenda de armas e de tecnoloxía militar e de seguridade con Israel e que apoie a demanda presentada por Sudáfrica no Tribunal Internacional de Xustiza contra Israel por xenocidio. Ademais, tamén pide que o país recupere a xurisdición universal, que se rompan relacións diplomáticas, institucionais, económicas, deportivas e culturais con Israel e que se poña fin á persecución e criminalización da solidariedade con Palestina e derrogue a Lei mordaza.

Desde a RESCOP tamén queren recoñecer a resistencia do pobo palestino fronte a ocupación, a limpeza étnica, o apartheid e a colonización e instan á sociedade civil, especialmente a traballadoras, traballadores e as súas organizacións e esixixen ás institucións impulsar a campaña de Boicot, Desinversións e Sancións (BDS), lanzada pola coalición con maior respaldo da sociedade palestina, que busca rexeitar a normalización das políticas de apartheid israelís e exercer presión para facer insostible un réxime de ocupación ilegal, colonialismo e apartheid.

0.10162210464478