Lugo volve ser premiado coa 'Pajarita Azul' polo nivel de reciclaxe de papel e cartón

O Concello de Lugo foi premiado por segundo ano consecutivo coa Pajarita Azul, un recoñecemento a nivel nacional que distingue a reciclaxe selectiva de papel e cartón e as boas prácticas en economía circular. O municipio foi premiado con dúas pajaritas, unha máis que o ano pasado, o que supón “non só manter senón ascender neste esixente ránking que valora a boa xestión ecolóxica e tamén no que respecta ás campañas de concienciación cidadá”, sinalou o alcalde. Ademais, Miguel Fernández valorou moi positivamente que “este recoñecemento por segundo ano consecutivo para o Concello de Lugo, supón acadar a excelencia na nosa xestión ao tempo que nos sitúa como referente nacional no desenvolvemento urbano sostible”.
Lugo foi, de feito, a urbe máis premiada de Galicia e tamén a única cidade da comunidade en obter dúas pajaritas azules, nunha edición na que foron distinguidos 49 concellos do país, e na que Ourense recibiu un destes galardóns, igual que o ano pasado.
O xefe de Servizo de Medio Ambiente, Miguel Negral, foi o encargado de recoller esta nova distinción para o Concello de Lugo, nun acto que se celebrou esta mañá en Madrid, impulsado pola Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel e Cartón, Aspacel.
Este colectivo nacional impulsou este premio entre localidades de máis de 50.000 habitantes, como un programa anual de asesoramento, avaliación e recoñecemento da calidade da xestión municipal en recollida selectiva para a reciclaxe de papel e cartón, enfocado á mellora continua. Para iso, a avaliación anual de cada concello ou agrupación de concellos vai acompañada de asesoramento técnico personalizado con recomendacións de mellora, que permite á entidade local mellorar os resultados na seguinte edición de Pajaritas Azules.
A evolución da xestión de residuos de cada concello queda rexistrada, no que supón un instrumento de gran utilidade para a planificación. A avaliación baséase en 21 indicadores, que analizan todo o referente á recollida do contedor azul e recollidas complementarias, as campañas e accións de información e concienciación cidadá, os aspectos relativos á regulación e a planificación da xestión e os seus resultados ata a reciclaxe final.
Este programa incentiva, polo tanto, a mellora a través da entrega de Pajaritas Azules a aqueles municipios que cada ano destacan entre os participantes, e son os que obteñen un especial recoñecemento, consistente nunha, dous ou tres pajaritas, en función dun baremo obxectivo e a partir dos resultados obtidos na avaliación. En función dos seus resultados, nas sucesivas edicións anuais, manterán, incrementarán ou perderán as distincións obtidas o ano anterior.
Xa no 2024, este premio que este ano acadou a súa novena edición, introduciu cambios con novas esixencias dirixidas a acadar a economía circular. Para avanzar cara ese eido e cumprir os obxectivos marcados pola lexislación, é necesario promover a reciclaxe de alta calidade, o cal só se pode alcanzar establecendo limitacións aos materiais impropios presentes nos fluxos de recollida separada.
Durante o acto de hoxe en Madrid, se puxo de manifesto que España está no podio dos países que máis reciclan papel e cartón, e que de feito é o terceiro país da Unión Europea con maior volume de reciclado deste material, ao que se suma o feito de que España vai por diante no que respecta á lexislación na reciclaxe de envases de papel e cartón. Así, segundo os últimos datos do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, en 2021 se reciclaron o 77,9% dos envases destes materiais, unha cifra que supera con catro anos de antelación o obxectivo establecido para 2025.