Lugo volverá ter cacharelas polo Lume Novo
Achégase o San Xoán e, con el, chegan as preparacións das diferentes celebracións. Neste senso, o Concello de Lugo abriu hoxe o prazo de solicitude para a celebración das cacharelas.
Unha tradición que se recupera, logo de dous anos de pandemia e que a rexedora local, Lara Méndez, encadra na “volta á normalidade que nos está a permitir retomar costumes e festas que tiñamos adiadas, priorizando a saúde e a protección da cidadanía”.
Porén, tendo en conta que xa non hai as restricións de exercicios pasados, neste 2022 o Concello volverá conceder permisos con normalidade para que todas aquelas parroquias ou barrios do municipio que o desexen poidan festexar o Lume Novo.
As organizacións ou particulares interesados en organizalas poden acceder ás instancias na sede da Policía Local e solicitalas até o próximo xoves, 23 de xuño, segundo recolle o bando ditado pola Alcaldía esta mesma mañá.
Un documento no que se indican as normas ás que deben axustarse as fogueiras e no que se contempla a prohibición da queima de rodas e cubertas de goma, plásticos ou calquera derivado de hidrocarburos, así como de materiais ou produtos contaminantes, fedorentos ou tóxicos. Tampouco estará permitido lanzar foguetes.
Tal e como sinala o texto, os lumes deberán afastarse de localizacións nas que existan liñas eléctricas, inmobles, zonas verdes ou xardíns e tampouco poderán realizarse no Centro Histórico nin en emprazamentos que entrañen algún tipo de perigo para a poboación.
Ademais, as persoas responsables das mesmas deberán, á súa finalización, retirar do lugar da celebración todos os restos que queden unha vez rematado o evento coa advertencia de que, en caso de incumprimento dalgún destes termos, o Servizo de Extinción de Incendios, a requirimento da Policía Local, procederá a apagala de inmediato.