Lugo xa conta co Observatorio da Zona de Baixas Emisións do centro histórico
O día 30 tivo lugar a reunión de constitución do Observatorio da Zona de Baixas Emisións do centro histórico de Lugo, conformado por membros da asociación Lugo Monumental e do grupo municipal do Partido Popular de Lugo. Convidouse tamén ao Goberno Municipal, as empresas contratistas, a APEC, o Colexio de Arquitectos e a asociación veciñal do centro histórico, aínda que aseguran que estas entidades declinaron a súa participación polo momento.
Debido á importancia dos temas que se tratarán desde o Observatorio mantense aberta a invitación para sumarse a todos os colectivos mencionados, do mesmo xeito que a calquera outra entidade que desexe participar e que vexa afectados os seus intereses. Este órgano reunirase cada dous luns e analizará tanto a evolución das obras como a tramitación da Zona de Baixas Emisións do centro histórico de Lugo, que ten unha importancia crítica para o futuro da zona, debido a que é esa figura a que delimitará os usos e accesos ao recinto amurallado.
O principio básico do Observatorio será o da transparencia e a publicidade. Recóllese a preocupación por este punto en todo o que se refire ás obras e a xestión da ZBE. Para facer chegar a todos os interesados esta información, abrirase unha páxina web en que se recollerán todos os documentos, os proxectos e as demais fontes ás que poida acceder o Observatorio a fin de que sexan do dominio público. Ademais, o Goberno Local ofreceulle a súa colaboración e o acceso a toda a información que sexa requirida.