Lugo xa conta cun novo Plan de Emerxencias Municipal cunha aposta pola dixitalización

LugoXa
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, recibiu de parte do equipo redactor o novo Plan de Emerxencias Municipal.
recepcion_pemu_lugo
24 Feb 2024

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, recibiu de parte do equipo redactor o novo Plan de Emerxencias Municipal. Este documento, elaborado da man do equipo de Protección civil e que vertebra todos os protocolos de seguridade pública a nivel local,  analiza  os riscos de posibles emerxencias, valora as súa consecuencias e define os protocolos de acción e a estrutura organizativa de todo o persoal implicado. A súa actualización, como consecuencia do crecemento da cidade, os avances tecnolóxicos ou o cambio climático, inclúe novas áreas e riscos que non estaban contemplados ata o de agora. Ademais, no que respecta á súa operatividade, simplifica os protocolos, facilitando que a intervención sexa fácil de desenvolver polos membros do dispositivo.

Contar con esta ferramenta actualizada permitirá “coordinar de xeito máis eficiente a servizos como Protección Civil, Bombeiros e Policía Local entre eles e  con persoal sanitario ou corpos e forzas de seguridade do Estado implicados nas intervencións, aportando así unha maior eficiencia aos operativos e mellorando a seguridade da veciñanza”, destacou a rexedora.  Ademais de ser unha ferramenta operativa permite “anticiparnos a certos fenómenos de baixa magnitude ou ben de ocorrencia localizada, o que pon de manifesto a súa utilidade como instrumento de prevención”, sinalou a rexedora.

Neste sentido, a alcaldesa sinalou que se trata dun documento vivo que incorporará nova información de forma constante. “O novo PEMU vai ser trasladado de inmediato aos distintos servizos municipais para continuar incorporando documentación que será fundamental ante calquera situación de perigo”, apuntou Alvarellos.

Ademais, a nova dixitalización do sistema  facilitará a avaliación de riscos e a súa magnitude por medio dunha sinxela aplicación informática desenvolvida á ocasión, facilitada ao persoal de Protección Civil, que permite obter facilmente os novos resultados e consecuencias. As bases de información para a súa elaboración son variadas, pero a maior parte son datos espaciais (integradas en sistemas de información xeográfica ou SIG), que permiten representar todos os elementos implicados nunha emerxencia (causas e consecuencias) ou ben permiten a toma de decisións para a elaboración de protocolos de acción.

“Desta forma, o PEMU é unha base estable a longo prazo que permitirá deseñar os  PAM de forma obxectiva, xa que estes plans de acción municipal requiren simulación de situacións con integración de equipos multidisciplinares, o que á súa vez depende dos medios e capacidades en cada momento. Estamos seguros de que esta nova ferrramenta vainos permitir mellorar a seguridade cidadá de xeito considerable e intervir de forma máis rápida e efectiva ante calquera ameaza” concluíu a rexedora.

0.15782022476196