Lugomadera aposta pola incorporación da muller ao sector forestal

TerraChaXa | LugoXa
A localidade de Castro de Rei acolleu a Asemblea Xeral da Asociación Provincial de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo.
lugo madera castro asemblea 2
10 Xuño 2023

A localidade de Castro de Rei acolleu estes días a Asemblea Xeral da Asociación Provincial de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo, Lugomadera, que tivo lugar no Val dos Soños e que contou coa participación das distintas administracións, que interviñero na xornada de clausura.

O deputado de Participación Cidadá en funcións, Roberto García Pernas, destacou o compromiso da Deputación de Lugo “coas empresas do noso sector primario e, especialmente, coas empresas do sector madeireiro. Lugo, sobre todo a zona norte da provincia, é unha potencia madeireira de primeiro nivel, en Galicia e no conxunto do Estado”.

Ademais recoñece a consolidación da aposta pola transformación, para “aportarlle valor engadido a un produto como a madeira”. Destacou o traballo realizado pola Asemblea como exemplo de bo facer e da vitalidade deste sector na provincia de Lugo, ao incluír na orde do día, puntos como os certificados, a actividade forestal nos concellos ou a incorporación do alumnado feminino ao traballo, nun acto presidido polo presidente de Lugomadera, Daniel Díaz Ramos.

“A nosa provincia precisa un sector madeireiro forte, moderno, que xere emprego de calidade, que resulta capital pola súa achega ó noso Produto Interior Bruto pero tamén polo seu impacto positivo en cuestións transversais como o equilibrio territorial e a loita contra o lume”, sinalou o Deputado en funcións.

Destacou tamén que pode axudar a “frear a perda de poboación no rural, atrae empresas e dálle á mocidade a oportunidade de traballar nas súas vilas”. Rematou felicitando ás empresas que forman Lugomadera polo seu traballo e reiterou a disposición da institución provincial en “calquera iniciativa ou actividade que redunde nun beneficio para o noso sector madeireiro”.

XUNTA DE GALICIA

O conselleiro do Medio Rural, José González, situou o Inventario Forestal Continuo de Galicia como “unha oportunidade de mil oportunidades” para impulsar “un mellor aproveitamento do recurso que nos leve, por tanto, a unha mellor transformación da madeira”. 

José González puxo de relevo a madeira como recurso endóxeno de Galicia e valorou a aportación que supón o Inventario Forestal Continuo como ferramenta para contar con información fiable, clave para xerar o produto, remarcou. Nesta mesma liña, lembrou que a Xunta está traballando na posta en marcha dun Plan estratéxico da industria forestal-madeira, respondendo a unha demanda do propio sector co fin, tamén, de conectar recurso e produto.

O conselleiro trasladou que a propia posta en marcha do Inventario deu tamén cumprimento a un compromiso adquirido pola Xunta con todo o sector para ter unha “radiografía” precisa dos nosos bosques. Defendeu o carácter permanente deste instrumento e puxo en valor, especialmente, que reflicte un crecemento exponencial das frondosas caducifolias nos últimos anos, un recurso que -advertiu- amosa unha gran potencialidade de aproveitamento.

Neste sentido, González avogou por mobilizar a madeira como recurso propio, “baixo criterios de sustentabilidade e racionalidade, xerando emprego e loitando contra o abandono e os incendios”. Puxo en valor, neste contexto, as diferentes liñas de axudas da Xunta para fomentar a actividade do eido forestal-madeira. Achegas como as destinadas a impulsar proxectos e obras que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais na construción, nas que se dá preferencia a produto de montes galegos xestionados de xeito sustentable con algunha das certificacións PEFC/FSC ou que dispoñan da marca de garantía Pino de Galicia.

Outra das liñas de subvencións mencionadas polo conselleiro foron as de fomento da dixitalización e innovación das pequenas e medianas empresas do sector. Así mesmo, tamén se referiu ás achegas para formar e difundir sobre os produtos e servizos dos bosques, dirixidas tanto a asociacións como fundacións, colexios profesionais ou centros universitarios. E salientou que o uso de madeira en construción e a rehabilitación é un aspecto nuclear desta convocatoria.

Ao tempo, José González anunciou que a esta liña de axudas se suma a unha plataforma web xurdida dun proceso de cooperación entre o Clúster da Madeira e Deseño de Galicia e a Xunta, destinado a dar resposta a todos aqueles prescritores que teñan dúbidas no uso de produtos de madeira en construción e que conta ademais co asesoramento e soporte das tecnoloxías e expertos do CIS-Madeira, centro adscrito á Axencia Galega da Industria Forestal. Neste sentido, o conselleiro sinalou que “só desde o coñecemento e a experiencia poderemos achegar a necesaria seguridade aos prescritores para que aposten de xeito decidido pola madeira, especialmente en usos estruturais”.

asemblea lugo madera en castro de rei
0.20380401611328