Lugomadera confía en que o proxecto de Altri avance: "Están tendo en conta o cambio climático"
Unha delegación de Lugomadera integrada por membros da súa Xunta directiva e persoal técnico, encabezada pola súa presidenta, Carmen Gayoso, trasladouse a Portugal para coñecer persoalmente as instalacións de Altri e os proxectos de xestión forestal e investigación sobre a biodiversidade que a empresa está a emprender nese país.
Os representantes da entidade forestal mostaron interese sobre o traballo de I+D que o grupo desenvolve no seu viveiro de Quinta do Furadouro, que produce 7 millóns de plantas anuais certificadas. “Imos cunha visión moi positiva do traballo de Altri -subliñou Carmen Gayoso-. Están tendo en conta o cambio climático e aplicando xa as adaptacións que imos ter que facer todos para adaptarnos ás novas condicións climáticas. Son un referente a nivel industrial e a nivel de sector forestal”.
A presidenta da entidade destacou tamén o gran esforzo de investimento que Altri realiza en materia de sustentabilidade, de calidade da auga, na mellora xenética das especies, así como en materia de seguridade e en prevención de riscos laborais. “Teñen unhas instalacións moi adaptadas e innovadoras neste sentido. Así que confiamos no proxecto GAMA vaia adiante e podamos colaborar no impulso e a mellora do sector forestal galego”.
Neste sentido, Miguel Silveira, director de Altri Forestal, comentou que a idea da compañía é trasladar todos estes logros ao proxecto GAMA para poñer en valor o monte, galego, “onde achegaremos o noso know how xa que contamos cun equipo integrado por preto de 100 persoas que vén desenvolvendo desde hai anos un intenso traballo de I+D e mellora xenética polo que somos recoñecidos mundialmente”.