LugoPoética 2025 celebra un novo encontro con Manuel Regal Ledo e Xosé Antón Miguélez

LugoXa
O ciclo literario, impulsado por Egeria en colaboración coa UNED Lugo e a Xunta de Galicia, continúa este 13 de novembro cunha sesión centrada na poesía galega espiritual e rural
Lugopoética-UNED-25
13 Nov 2025

O ciclo LugoPoética 2025, promovido por Egeria coa colaboración da UNED Lugo e da Xunta de Galicia, celebra este xoves, 13 de novembro, ás 18:30 horas, o seu cuarto encontro, que contará con dous convidados de excepción: Manuel Regal Ledo e Xosé Antón Miguélez. A cita ofrecerá unha nova oportunidade para achegarse á poesía galega contemporánea a través de dúas voces profundamente ligadas á provincia lucense e ao seu territorio espiritual e humano.

Manuel Regal Ledo, nado en Chantada en 1947, é licenciado en teoloxía bíblica pola Universidade de Deusto. Foi monxe no mosteiro de Samos, párroco en Abadín e educador-terapeuta de persoas con adiccións en Proxecto Home. Actualmente exerce como delegado de Pastoral Rural na diocese de Mondoñedo-Ferrol. A súa obra poética, marcada polo vínculo coa natureza, a fe e o mundo rural, constitúe un espazo de reflexión e encontro entre espiritualidade e terra.

Pola súa parte, Xosé Antón Miguélez, nado en Lugo en 1946 e tamén vencellado á Mariña lucense, é crego en Lourenzá e Abadín. A súa produción literaria destaca pola fonda conexión coa espiritualidade e pola contribución á liturxia galega, con máis de medio cento de himnos incluídos no Diurnal da Liturxia das Horas en galego. Entre as súas obras máis coñecidas figuran Os ríos pasan cheos de Deus (2007) e Oda a Xesús Cristo. Credo e Camiño (2020).

Con esta nova cita, LugoPoética 2025 afonda na exploración das voces que unen poesía, pensamento e identidade, consolidándose como un dos espazos culturais máis significativos de Lugo, onde a palabra serve de ponte entre a creación literaria e o territorio.

⚙ Configurar cookies
0.090663909912109