LugoPoética 2026 inicia a súa terceira edición na UNED con Diana Varela e Chelo Gayoso

A sede da UNED de Lugo acolle a terceira edición de LugoPoética, un proxecto cultural con vocación de continuidade que conta co apoio da Xunta de Galicia e coa coordinación de Egeria e Brandán Comunicación.
O ciclo, previsto para o primeiro semestre de 2026, desenvolverase mediante seis encontros de “parellas poéticas”, cada un deles coordinado por Xosé Carlos Ulloa e cunha duración superior á hora.
As sesións serán públicas, abertas á cidadanía, gravadas e retransmitidas pola rede de comunicación da UNED, mantendo o formato das edicións de 2024 e 2025. Cada encontro consistirá nun diálogo entre autores baseado na selección comentada da súa obra, lectura de textos e valoración mutua, co obxectivo de publicar posteriormente un libro en formato dixital e físico cunha escolma poética das persoas participantes.
Nesta terceira edición participarán autores como Diana Varela Puñal, Chelo Gayoso Díaz, Sonia Arias López, Elena Pérez López, Xosé Lois García, Ramón Rodríguez Porto, Martiño Maseda Lozano, Beatriz López Dourado, Eduardo Carreira López, Ánxela Gracián, Ana Mar Fraga Rábade e Montse González Álvarez.
O primeiro encontro celebrarase este xoves, 19 de febreiro, ás 18:30 horas, coa presenza de Diana Varela Puñal e Chelo Gayoso Díaz.
Diana Varela Puñal, natural de Corme (1981), trasladouse á Coruña na adolescencia e publicou poemas en revistas e xornais como Xistral, Anuario Brigantino ou El Correo Gallego. Foi columnista en Galicia Hoxe e coordina actualmente a páxina cultural “O Dereito e as Humanidades” na revista Fonte Limpa. É secretaria xeral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, membro de Medulia Editorial e conta con diversos premios e publicacións desde 2006.
Chelo Gayoso Díaz, natural de San Xoán de Loio (Paradela), viu marcada a súa infancia pola construción do encoro de Belesar que lle obrigou a abandonar o seu lugar de orixe. Reside en Outeiro de Rei e publicou os libros Camino de estrellas, O laio das pedras e recentemente La voz del silencio, ademais de participar en publicacións colectivas e revistas literarias galegas e hispano-portuguesas.
LugoPoética, nacido en 2024, consolídase nesta terceira edición como un espazo estable de difusión e posta en valor da creación poética vinculada ao territorio lucense.