Luis Casimiro, adestrador do CB Breogán: “A nosa estrela debe ser o equipo”
Jessica Fernández
Como afronta o desafío de guiar ao Breogán?
Afronteino con moita ilusión porque ademais viña de estar unha tempada parado despois de moitos anos e entón tiña moitas ganas de adestrar e cando me chamou o Breo collino con moita ilusión e entusiasmo. Sabía que viña a unha cidade con moita tradición de baloncesto, onde os afeccionados están entregados ao equipo e enchen o Pazo e aí hai traballo, imos ver se retomamos e reconstruímos o equipo, e con moitas ganas e ilusión.
Leva xa unhas semanas co equipo, cales son as súas sensacións?
As miñas sensacións foron moi boas desde o primeiro instante co equipo. Atopei uns xogadores con unha gran actitude, escoitando e querendo poñer en práctica as cousas que eu dicía. Ademais adestramos tres días e fómonos a Gran Canaria e gañamos e iso tamén axuda a crer no que estamos dicindo e no que estamos falando, e a verdade é que as sensacións co equipo son moi boas. É un club que funciona, é serio, é humilde, pequeno, pero ao mesmo tempo fai que isto sexa máis familiar, por iso estou encantado, e o outro día que xogamos no Pazo, a miña primeira vez, gocei moito do ambiente que había; goceino vendo á xente que chega cedo, como vive estes minutos preliminares… así que impresionado con isto e encantado de poder ser parte do equipo local.
Hai cousas que mellorar ou manter como están?
Manter o traballo feito é fundamental, xa que, se ti ensinas A, B e C, despois vén D, pero nunca podes esquecer o anterior, hai que traballar e insistir nos piares. Temos marxe de mellora tamén, porque cando te sobes a un tren en marcha, como é o meu caso, seleccionas que mensaxe lles vas dar aos xogadores, e eses mensaxes básicos poden axudarche, sinxelos, pouco a pouco pois tes que ir pulindo eses detalles. Por tanto, cada vez irá sendo fácil, pero haberá máis detalles que haberá que incorporar, entón ao implementar máis cousas, creo que podemos seguir mellorando as cousas básicas, as liñas mestras, facéndoo ben, pero hai que seguir mellorando en detalles que temos que pulir moito.
Cales son os valores que lle transmite aos seus xogadores?
Primeiro de todo, quero que eles mesmos xeren unha boa química de equipo, porque eu como adestrador podo fomentar esa química de equipo, pero eles son os que están dentro do vestiario, pasan moitas horas xuntos, dormen xuntos nas habitacións, polo que son eles os que teñen que crear esa química, porque é fundamental para un equipo como o noso ter boa química, e despois de ter esa boa química e levarnos ben entre nós e axudarnos, pódense construír máis cousas ao redor disto. Entón, é fundamental que nos apoiemos uns aos outros, que nos creamos as cousas para que tamén o que está ao lado se as crea. Ademais, a linguaxe corporal impórtame moito e cando entrei é unha das cousas que corrixín, porque se tes esa actitude, logo o traballo de baloncesto vai vir despois e vai ser máis fácil, e nos momentos difíciles vai ser máis fácil saír se nos levamos ben e se temos boa química, que se non fomentamos ese sentimento colectivo. Entón van por aí as cousas que eu intento transmitir desde o principio, e logo eu pois cousas de baloncesto.
Polo tanto, é esencial o traballo en equipo para conseguir resultados positivos.
Estou totalmente convencido diso e así mo fixo saber a experiencia de moitos anos, que o que me di é que canto mellor equipo sexas e o colectivo mellor rende, e canto menos destaque un xogador, e máis nun equipo como o noso, pois moito mellor para o rendemento xeral. Para min, debemos ter como estrela ao equipo. Hai diferentes responsabilidades; uns teñen máis porque xogan máis minutos ou xogan os minutos decisivos, etc., pero o prioritario é o equipo en xeral. Esa química temos que trasladala á cancha e eu dou prioridade a aspectos do xogo que non teñen o compoñente balón para quitar o egoísmo.
O novo xogador, John Egbunu, que suma ao equipo?
É un xogador que nos vai vir ben, xa que é diferente aos dous xogadores que temos no equipo, Dragan Apić e Jordan Sakho, entón é un xogador diferente que nos vai vir ben. Ten bastante experiencia, pero estivo dous meses sen xogar desde finais de outubro, entón necesita un período de adaptación, de poñerse no ritmo que estamos e entón iso vai levarlle un tempo, pero a predisposición súa foi moi boa, intentou seguir o ritmo e necesitamos que estea ben estes días para os partidos. A sensación foi boa, a primeira experiencia gustoume.
"ESTOU CONTENTO E MOI A GUSTO. GUSTARÍAME ESTAR AQUÍ O MÁXIMO"
Cales son os obxectivos no equipo para o próximo ano?
Como desexo de Aninovo gustaríame que tivésemos saúde, porque na primeira semana estabamos moi felices, víamos ao equipo entregado, facendo as cousas ben, xogando ben, e se nos lesionou Charlie Moore, e foi duro. Entón, necesitamos que teñamos a saúde para facer o traballo e se facemos o traballo, depende de nós. Logo, o obxectivo deportivo é a salvación; gañar o suficiente número de partidos para manter a categoría, salvar ao Breogán e que poidamos seguir a seguinte tempada na ACB.
A nivel persoal, como valora a súa traxectoria nestes 30 anos?
Estou encantado de poder facela. A min gústame moito o baloncesto, vivo polo baloncesto desde pequeno. Do meu xogo fixen un hobby, e do meu hobby fixen unha profesión; e levo aquí moitos anos, entón co paso do tempo o que fago é gozar cada vez máis. Cando es máis novo, tes esa competencia e ese estrés porque non sabes se poderás seguir e agora quero gozar do traballo, porque a miña vida está na madeira. Gózoo aínda máis que cando era novo. Polo tanto, a valoración miña é dar grazas a que o baloncesto me puido ter tantos anos aquí, xa que o gozo moito.
Que pode aportar a nivel de experiencia neste equipo?
Creo que podo achegar ao equipo, desde a experiencia, control, tentar ter sentido común, facer as cousas con ecuanimidade, porque creo que é o fundamental para os xogadores, que saiban que as cousas se fan con sentido común e que tentas tratar a todo o mundo igual, ter as mesmas normas para todo o mundo e que todo o mundo se sinta ben. E a nivel de baloncesto, transmito experiencia tanto nos partidos como nos adestramentos para poder achegar todo ese tipo de cousas, pero sobre todo a calma dos xogadores e o que poidan gozar do baloncesto, iso o primeiro que intentei trasladar. Todos estamos aquí porque este deporte nos apaixona: eles desde pequenos e agora son xogadores profesionais, pero isto non nos debe facer non gozar deste xogo. Temos responsabilidades e o estar gozando do traballo non está exento de disciplina e de esixencia, pero que sexa ao mesmo tempo ameno. É unha das cousas primeiras que quería traer e que creo que están entendendo.
Podería ser o seu último proxecto, finalizando a súa carreira no Breogán?
A min gustaríame que fose o máis longo posible, non sei cando me podo retirar, pero gustaríame porque o Breo creu en min e deume a entrada ao traballo que me apaixona, así que me gustaría devolverlle o favor mantendo o equipo, estando a gusto aquí. Eu non debo ter ningunha présa e estou aquí contento, moi a gusto, traballando ben e síntome querido, así que gustaríame seguir o máximo.