Luis Casimiro, adestrador do CB Breogán: "Quero seguir neste club porque teño ese sentimento de breoganista"

O adestrador do CB Breogán, Luis Casimiro, vén de asinar o acordo mediante o cal o adestrador manchego seguirá á fronte do equipo na tempada 2025/2026.
Así o comunicou o director deportivo, Tito Díaz, que anunciou a continuidade do técnico e expresou, en nome do consello de administración celeste, "a satisfacción por poder conta no club cun técnico que deu estabilidade ao equipo e encaixou perfectamente coa filosofía do club e da cidade que ten detrás".
Así, despois de só catro meses guiando ao equipo de ACB, "conseguimos unha estabilidade deportiva que nos permite a esperanza de poder manternos en primeira categoría debido aos excelentes resultados e tamén ao ambiente de traballo que hai entre o cadro de xogadores", sostivo Díaz.
E engadiu que "soubo adaptarse á nosa cidade e ao noso club, a nosa realidade, que somos un club humilde, pero tamén valente, entón nos gusta a continuidade cando a estabilidade pode axudar a conseguir os nosos obxectivos, que neste caso é seguir traballando para permanecer en ACB".
Pola súa banda, Luis Casimiro tamén se mostrou contento polo acordo, agradeceu a oportunidade de novo, tal e como expresoua unha entrevista concedida a LUGOXA no pasado mes de xaneiro; e destacou o traballo do club por ofrecer a todos os seus membros, día a día as ferramentas necesarias para traballar polos obxectivos.
"Síntome moi ben traballando neste club e coa miña experiencia hai dúas cousas fundamentais para min: síntome moi valorado por parte do club e tamén fóra do club, e para min sentirse querido e valora é imprescindible, polo que estou moi feliz", destacou.
Ademais, engadiu que, "quero seguir neste club porque teño ese sentimento de breoganista de saber que podo desfrutar moitísimo co traballo, como estou facendo, e que poderá haber momentos de sufrir e entre todos sacarémolo adiante", concluíu.