Máis incendios, choiva ácida e destrución da paisaxe: os riscos da fábrica de Altri segundo o Sindicato Labrego
Aceptando a solicitude do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) e a Confederación Intersindical Galega (CIG) o proxecto de macrocelulosa de Altri foi debatido durante o pleno do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (COGAMADS). O vogal do SLG-CCLL, Diego Sánchez Agra, fixo mención á importante manifestación na que o pasado domingo participaron arredor de 20.000 persoas en Palas de Rei, “unha mostra clara de que este proxecto é obxecto dunha patente preocupación social, que canto menos debería activar a implicación da Administración”.
Deste xeito, piden que cumpra “cas súas responsabilidades como órgano consultivo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas solicitando que sexa trasladado a este Consello o informe de dita Consellería relativo ás implicacións da instalación de Altri, a fin de que podamos afondar nos impactos que a instalación desta fábrica na comarca da Ulloa tería sobre os recursos hídricos e o patrimonio natural e cultural, así como as súas consecuencias nas numerosas granxas da contorna afectada”.
No radio de 30km de afección mínima do proxecto existen máis de 5.000 granxas e moitas delas producen alimentos baixo sistemas de calidade, como a Denominación de Orixe Protexida (DOP) Queixo Arzúa-Ulloa -que xa manifestou publicamente a súa preocupación polo proxecto-, Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Galega, IXP Mel de Galicia, Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), IXP Castaña de Galicia ou a DOP Queixo de Tetilla.
Neste momento estiman que a macrocelulosa consumiría 1,2 millóns de m3 de madeira de eucalipto nun radio de 60 Km., agravando a problemática de sobreplantacións de eucalipto existente na Galiza e entrando en contradición ca moratoria introducida na Lei 11/2021 de recuperación da terra agraria, na que se prohiben as novas plantacións desta especie ata finais do ano 2025.
Cambio no modelo produtivo
“Implicaría a destrución da paisaxe, polo tanto posíbeis vulneracións da Lei de Protección da Paisaxe de Galicia, e un cambio no modelo produtivo que se concretaría na eliminación de frondosas e piñeirais e nun agravamento da perda de Superficie Agraria Útil - un 21 % fronte ao 45,8 % da media estatal- nun momento de dificultade de acceso á terra nas granxas, especialmente para aquelas persoas mozas que se queren incorporar á actividade agraria”, advertiu o vogal do SLG.
Sinalan que a forestación intensiva a base desta especie pirófila implicará loxicamente un maior risco de incendios. Outro prexuízo medioambiental salientábel sería a caída na fixación de CO2, ao basear a produción forestal na corta de especies de ciclo curto e facer unha devolución de dióxido de carbono á atmosfera no proceso de fabricación. Por outra banda, os gases emitidos poden xerar choiva ácida, con gran afectación á saúde humana, animal e vexetal, e influíndo directamente na produción de alimentos, en cantidade e calidade, especialmente nas producións ecolóxicas.
A emisión de nitróxeno, que na documentación do proxecto está establecida no límite máximo admitido, xunto co acumulado nos sistemas fluviais do Ulla na zona do encoro de Portodemouros, van aumentar a problemática xa existente cos nitratos. As comarcas lindantes, nomeadamente o Deza, veríanse en alto risco de seren declaradas “Zona vulnerable por nitratos” o que suporía unha situación gravísima nas limitacións que implicaría para as prácticas agrícolas. Segundo investigadores de Mabegondo, a contaminación diaria da macrocelulosa equivalería a máis de 20.000 porcos vertendo dexeccións directamente ó río. A instalación desta fábrica dez veces maior que ENCE en Pontevedra suporía a degradación dunha zona de gran importancia edafolóxica a nivel mundial.
Ademais, nun contexto de seca polo quecemento global, procederíase á captación de 46.000 litros de auga diarios do Río Ulla, xa afectado pola implantación de varios encoros continuos. Esta grande retirada de auga en época estival acentuaría o problema existente de cianobacterias pola eutrofización do encoro, sumado á emisión de elementos que contribúen a unha maior eutrofización como o nitróxeno e o fósforo”.