Máis atrasos para a nova rampla no río Miño, que volve a enfrontar ao Concello e a Xunta

LugoXa
A Consellería afirma que a instalación só estará en funcionamento uns poucos días, pois a autorización é ata o 15 de setembro
río-miño-traslado-mexillóns
23 Aug 2024

O Concello de Lugo recibe a autorización da Xunta de Galicia á traslocación dos 96 mexillóns na zona onde está prevista a instalación da rampla ao río, con novos condicionantes que esixirán dúas comprobacións sucesivas despois de pasados dous e cinco días da extracción dos moluscos. Ademais, a autorización do organismo de conca para a instalación da rampla é unicamente ata o 15 de setembro do presente ano, o que na práctica fará que a plataforma estea en servizo e operativa para os posibles usuarios apenas uns días

A Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático estudou a documentación e procedeu a autorizar o traslado dos exemplares de náiades Potomida littoralis e Unio delphinus a outra zona do río non afectada polas obras. A autorización establece que os traballos de translocación serán levados a cabo por persoal da empresa Biosfera e quedan condicionados á supervisión por parte do Servizo Provincial de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

A Consellería asegura que actuou unha vez máis de xeito áxil para non perder o tempo innecesariamente, “malia as sucesivas modificacións que o Concello de Lugo veu realizando no proxecto ao longo de todo o verán”. Recalcan que a última modificación aínda foi comunicada polo Concello á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil o luns, 19 de agosto. Porén segundo a a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, os noso requisitos marcados polo Goberno autonómico “non evidencian a colaboración ofrecida pola Xunta de Galicia nin o compromiso de celeridade do que nos falaron”.

Lembra que “a administración autonómica dispón da solicitude de translocación dos moluscos dende inicios da semana e hoxe comunica unha resolución que suporá novos atrasos. “Trátase de un proceso administrativo que poderían ter resolto en horas e levamos case unha semana de espera”, lamentou Alvarellos. A rexedora, Paula Alvarellos, instaba ao ente autonómico a cumprir co compromiso de celeridade que a propia directora xeral de Patrimonio Natural adquiriu con ela nunha reunión mantida xa no mes de xullo.

“Estes novos condicionantes despois de ter este trámite paralizado durante cinco días non semella un xesto da cooperación que verbalmente nos brindaron, e redunda na discriminación á que durante tantos anos a Xunta leva sometendo á cidadanía lucense, principal damnificada por esta conduta, ao impedirnos poñer os medios para que a veciñanza poida acceder comodamente ao río para gozar do baño no Miño”, sinalou a alcaldesa, quen informou de que o Concello comunicou á Xunta a súa intención de realizar a translocación o próximo luns día 26 de agosto.

O Executivo local incide en que trasladar os mexillóns a un punto próximo e habilitar a rampla e a zona de balizamento son labores que pódense facer en moi pouco tempo e con todas as garantías pero para iso é preciso que a Xunta cumpra a palabra dada”, ao tempo que lamentou que durante todos estes días a única comunicación da Xunta co Concello fose para reclamar a documentación que xa lles fora enviada pola propia Confederación – en alusión á concesión da autorización – así como os informes supletorios que a administración local lle enviou ao Órgano da Cunca para efectivizar ese permiso.

 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.19380807876587