Máis control á calidade do aire e ás emisións da fábrica de Tableros Hispanos, en Nadela

LugoXa
O portavoz do BNG e tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, defendeu no Pleno a proposta do BNG
tableros_hispanos_vecinos_nadela_lugo
Veciños no pleno
30 Maio 2024

O portavoz do BNG e tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, defendeu no Pleno a proposta do BNG para reclamar que a Xunta de Galiza aplique un maior control ás emisións contaminantes da fábrica de Tableros Hispanos de Nadela. Arroxo lembrou que "desde o BNG mantivemos xuntanzas coa veciñanza afectada, residentes a pouca distancia da fábrica, que desde hai anos veñen denunciando os altos niveis de ruídos e as emisións de fumes que padecen nas súas vivendas".

“É preciso que a empresa cumpra coas medidas de control marcadas pola normativa ambiental e que desde o Goberno se amplíen os controis deste tipo de emisións", afirmou Arroxo, que anunciou que o BNG continuará a traballar nas distintas institucións "para garantir o benestar da veciñanza de Nadela e a calidade do aire de Lugo".

As veciñas e veciños presentes durante a sesión denuncian que a contaminación do aire producida polas emisións de Tableros Hispanos estalles a producir graves molestias de saúde, entre as que se atopan inflamacións nos ollos e nas vías respiratorias. A proposta aprobada insta á Xunta a instalar unha estación de control da calidade do aire na zona norte da factoría, ademais dunha maior periodicidade nas inspeccións de emisións e máis transparencia para manter á veciñanza da zona informada sobre as medidas que se poñan en marcha para garantir o cumprimento da normativa ambiental.

0.21604490280151