Máis de 10.000 quilos de produtos cárnicos venderanse na XXVII Feira do Butelo da Fonsagrada
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, acompañado do alcalde, Carlos López, e de deputados e deputadas provinciais, participou este sábado na inauguración da XXVII Feira do Butelo que se celebra esta fin de semana na Fonsagrada. O Concello, organizador do evento, instalou unha carpa de 1.200 metros cadrados fronte á Casa Consistorial para albergar a cita gastronómica, que reúne esta fin de semana uns 70 expositores e na que está previsto que se vendan 10.000 quilos de produtos cárnicos.
“Esta feira é un exemplo da enorme capacidade que temos no rural para crear actividade económica. Demostra que o rural está cheo de vida, de oportunidades e de proxectos todos os días do ano”, asegurou o presidente. Tamén quixo destacar o “esforzo co rural que estamos facendo dende hai moito tempo dende o Concello da Fonsagrada e dende a Deputación de Lugo”.
O mandatario provincial felicitou ao alcalde por liderar “o éxito colectivo” que supón a Feira do Butelo, “ao que temos a honra de contribuír dende a Deputación de Lugo prestando a nosa colaboración económica”, nesta edición por importe de 20.000 euros. A cita, subliñou, “continúa medrando ano tras ano grazas ao bo traballo dos produtores, dos hostaleiros e do comercio; da implicación dos veciños da Fonsagrada; e do impulso do Concello”. Neste sentido, destacou que a feira, de Interese Turístico galego, “é un referente para toda a provincia de Lugo, para toda Galicia, e cada vez para máis visitantes que chegan doutros puntos de xeografía española”.