Máis de 100 boxeadores participarán no Open Cidade de Lugo
O mellor do boxeo galego citarase na segunda edición do Open Cidade de Lugo. O torneo celebrarase o 21 e o 22 de setembro na cidade da man do Boxing Club Cidade de Lugo, que tamén é o primeiro club confirmado, e do Lucus padel, as dúas entidades organizadoras. Polo momento, están confirmados unha centena de deportistas de distintos clubs da xeografía española.
Entre eles participarán o club Boxeo Corvera, o club Turbo, o Club Santando Charcos de Burgos, a Escuela de Boxeo Arkham de Cangas, Kick Narón, Boxing Sada, o Real Grupo de Cultura Covadonga, EK Boxing Team de Sada, Asturbox, Club de Boxeo David Burgos de Pontevedra, La Vieja Escuela de Vigo, Brabox 76 da Coruña, Riga Gym de Fuerteventura, Toa Gym de Avilés, Escuela de Boxeo Cachorro e Team Thunder de Marín.
A primeira convocatoria tivo lugar o sábado 16 de decembro no ximnasio de boxeo do Polideportivo O Palomar e participaron 13 clubs de toda Galicia. Concretamente, un total de 50 deportistas disputaron 26 combates no evento a porta pechada organizado polo Boxing Club Cidade de Lugo e a Federación Galega de Boxeo coa colaboración da Concellería de Deportes do Concello de Lugo. Déronse cita as categorías schoolboys e schoolgirls, categorías infantil (11-12 anos) e cadete (13-14 anos), júnior (15-16 anos) e xove (17-18 anos).