Máis de 100 investigadores reuniranse esta semana no Campus de Lugo

LugoXa
A Sociedade Española de Anatomía Patolóxica Veterinaria reúneen Lugo máis de 100 congresistas do 15 ao 17 de xuño
veterinaria
12 Jun 2022

Máis de 100 investigadores danse cita en Lugo esta semana na XXXIII Reunión Científica da Sociedade Española de Anatomía Patolóxica Veterinaria. A sede universitaria luguesa acollerá este evento con especialistas procedentes de todas as facultades de Veterinaria do Estado e doutros centros de I+D e diagnóstico nacionais e iberoamericanos.

Os investigadores aproveitarán este foro para intercambiar e compartir coñecementos sobre os últimos avances científicos dunha especialidade que está considerada como unha ferramenta fundamental para o diagnóstico de enfermidades nos animais.

O congreso, organizado por investigadores do Departamento de Anatomía, Produción Animal e Ciencias Clínicas Veterinarias da USC pretende servir asemade de impulso á formación no ámbito da saúde dos animais acuáticos, un ámbito no que o profesorado do Campus de Lugo implicado na organización desta reunión científica son recoñecidos expertos a nivel internacional.

“Os anatomopatólogos somos peza esencial no estudo de enfermidades que involucran a animais e persoas e baseamos a nosa actividade diaria no obxectivo mundial One health, pola relación directa que existe entre enfermidades animais, humanas, medio ambiente e a seguridade alimentaria”, lembra a profesora da USC Maribel Quiroga Berdeal, ao tempo que engade que o estudo das enfermidades que afectan aos animais resulta clave para obter melloras produtivas e de benestar animal no sector primario, que ten unha importancia capital en Galicia.

PROGRAMA

Este congreso desenvolverase na Facultade de Veterinaria, así como nas dependencias da Deputación Provincial de Lugo e do Vello Cárcere. O seu programa inclúe tamén un espazo dedicado á reflexión e á discusión sobre cuestións docentes e de investigación, así como varias actividades satélites abertas á participación das persoas interesadas.

O experto Jeffrey C. Wolf ofrecerá xa en quenda de tarde, a partir das 16.30 horas, no salón de actos do lugués Pazo de San Marcos, un relatorio aberto a investigadores e empresas que desenvolven a súa actividade no eido da saúde dos animais acuáticos. O propio Jeffrey C. Wolf impartirá ás 18.30 horas a lección inaugural desta reunión científica, unha intervención que leva por título Confessions of a fish toxicologic pathologist.

Ao remate da súa intervención, todos os congresistas poderán compartir un cóctel temático de benvida Ave PathoLucus na solaina do Hotel Méndez Núñez.

A segunda xornada da reunión científica da Sociedade Española de Anatomía Patolóxica Veterinaria trasladará a súa sede do xoves 16 ás dependencias de O Vello Cárcere de Lugo. Jeffrey C. Wolf abrirá ás 9.00 horas a quenda de intervencións co relatorio Misdiagnoses and Missed Diagnoses: Challenges in Fish Toxicologic Pathology.

Ao remate da súa intervención, os congresistas procederán no mesmo escenario á exposición das diferentes das comunicacións orais presentadas ao congreso en sesións moderadas por investigadores sénior con recoñecida traxectoria.

A presentación de comunicacións científicas terá continuidade na mañá do venres nas dependencias do Vello Cárcere, onde, xa en quenda de tarde, a partir das 16.15 horas, a profesora Quiroga Berdeal moderará un coloquio no que intervirán como relatores Martí Pumarola, Francesc Padrós, Manuel Arbelo e Estefanía Montero.

Ao remate da sesións programadas neste congreso a Sociedade Española de Anatomía Patolóxica Veterinaria celebrará a súa asemblea anual.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1943531036377