Máis de 13.000 persoas visitaron a Domus do Mitreo durante este ano

LugoXa
Trátase dun singular xacemento arqueolóxico musealizado no casco histórico de Lugo e cuxo valor histórico e artístico centra unha reportaxe no último número da edición portuguesa da revista National Geographic.
domus de mitreo usc
2 Out 2023

Trátase dun singular xacemento arqueolóxico musealizado no casco histórico de Lugo e cuxo valor histórico e artístico centra unha reportaxe no último número da edición portuguesa da revista National Geographic.

O Museo Universitario A Domus do Mitreo consolídase ano tras ano como enclave romano de forte atracción turística á capital luguesa, ata onde este ano se desprazaron xa máis 13.000 persoas para visitar un xacemento arqueolóxico único no noroeste peninsular, a través do que se pode coñecer de primeira man a fonda pegada deixada polo mundo romano, así como as súa forma de vida, a súa cultura e mesmo as súas crenzas, nos primeiros séculos da nosa era.

As estatísticas de visitantes constatan que o interese que esperta a Domus do Mitreo permanece inalterable co paso dos anos, segundo indica a súa directora científica e profesora da área de Historia Antiga da USC Dolores Dopico Caínzos, quen salientou especialmente a elevada concentración de público que se achegou ás instalacións musealizadas deste xacemento arqueolóxico durante os meses estivais. “Desde o mes de xuño ata hoxe contabilizamos xa máis de 8.000 visitas, moitas das cales se corresponden con persoas procedentes de fóra de Lugo e de Galicia e mesmo doutros países”, precisou.

A profesora Dopico Caínzos fixo tamén fincapé na crecente dimensión internacional que está a acadar o xacemento da Domus do Mitreo, unha realidade que constata tanto a través das referencias feitas a este enclave arqueolóxico en diversos estudos e artigos científicos como noutras publicacións divulgativas de impacto, como é o caso da edición portuguesa da revista National Geographic.

De feito, engadiu, o número especial publicado este mes de setembro pola edición lusa pon o foco na Domus do Mitreo de Lugo coa publicación dunha ampla reportaxe que pon en valor e acrecenta o interese internacional cara a este xacemento arqueolóxico. Alén de incluír ilustracións e planos sobre a villa romana e do templo ao deus Mitra que acubillaba esta domus romana no seu interior, a revista achega tamén entre os seus contidos cumprida información sobre os traballos de escavación que precederon o descubrimento desta ‘xoia arqueolóxica’, así como outros datos respecto dos principais achados e do seu valor científico, histórico e cultural.

Baixo o título A domus do Mitreu de Lugo, un extraordinario achado que apareceu na cidade de Lugo no ano 2000 a sete metros de profundidade, ofrece ao lector unha viaxe pola historia do mundo romano no noroeste da Hispania, ao tempo que toma como referencia estudos xa feitos polo arqueólogo Celso R. Cao para achegar información sobre o estilo de vida, urbanismo, oficios e, entre outros, os cultos relixiosos da época.

“A Domus do Mitreo é un dos achados arqueolóxicos máis notables das últimas décadas”, subliña National Geographic na súa edición lusa, para logo afondar sobre as orixes e outras particularidades mitolóxicas e históricas que acompañaron na antigüidade o culto ao deus Mitra.

0.1954391002655