Máis de 13.100 persoas acudiron ás piscinas de Frigsa no mes de xullo
As piscinas exteriores de Frigsa remataron xullo contabilizando unha entrada de máis de 13.100 persoas ao longo do pasado mes, uns datos que mantén os obtidos en anos anteriores. No primeiro mes da tempada de verán, as medias diarias variaron moito, de entre 200 a 700 usuarios, dependendo da climatoloxía o do día da semana, xa que sábados e domingos a afluencia soe ser bastante menor.
Para incentivar o uso das piscinas, o Executivo de Paula Alvarellos decidiu manter os prezos, tanto das entradas como dos abonos das piscinas exteriores, nas que tampouco se variaron os horarios, coa apertura continua de 12.00 a 20.30 horas entre semana, e o peche, media hora antes, os sábados e domingos.
Igualmente, o Goberno Local mantivo a colaboración cos distintos campamentos infantís e xuvenís que se desenvolven nestes meses, coa entrada gratuíta ou con prezos especias para os cativos e cativas destes campus de verán, que continuarán realizándose neste mes de agosto. Estas piscinas, unha das instalacións públicas máis empregadas e estimadas pola veciñanza nestes meses de verán, continuarán abertas ata o vindeiro día 31.
En canto ao resto de dotacións municipais, as piscinas climatizadas de Frigsa contabilizaron unhas 200 usuarias e usuarios ao día. Hai que ter en conta que a piscina climatizada das Pedreiras pechou durante o pasado mes para acometer os traballos de mantemento e varias melloras, e que unha vez rematados, reabrirá mañá. Este mes de agosto, pola contra, estes labores de posta a punto levaranse a cabo nos dous vasos da piscina interior de Frigsa. Pola súa banda, as Caldas do Miño rexistraron unha entrada de preto de 1.300 persoas ao longo deste mes de xullo.