Máis de 18 millóns de euros reforzan a modernización dos centros educativos de Lugo

LugoXa
A rehabilitación do IES Muralla Romana ampliará o instituto para dar resposta ao aumento de alumnado
PP-IES-Muralla-Romana
31 Jan 2026

A mellora e modernización das infraestruturas educativas da cidade de Lugo está a materializarse a través dun investimento superior aos 18 millóns de euros destinado á rehabilitación integral e á incorporación de melloras en distintos centros de ensino. Estas actuacións buscan adaptar os edificios ás necesidades actuais, mellorar as condicións de aprendizaxe e responder ao incremento de alumnado rexistrado nos últimos anos en varios institutos da cidade.

Unha das intervencións máis destacadas é a rehabilitación prevista no IES Muralla Romana, onde a Consellería de Educación acometerá obras por un importe de 1,6 millóns de euros. A actuación permitirá ampliar a superficie do centro en case 900 metros cadrados, co obxectivo de garantir espazos adecuados para acoller ao alumnado en mellores condicións. Os traballos enmárcanse no Plan de nova arquitectura pedagóxica impulsado pola Xunta.

Os detalles desta actuación foron coñecidos durante unha visita ao centro por parte dos deputados do Grupo Popular Nicole Grueira e Enrique Barreiro, acompañados polo concelleiro do Partido Popular Damián Carballo. Nicole Grueira destacou que, ademais da intervención no IES Muralla Romana, a Xunta está a executar obras noutros centros educativos da cidade que, no seu conxunto, superan os 18 millóns de euros de investimento.

Pola súa banda, Enrique Barreiro puxo en valor algunhas das actuacións máis relevantes desenvolvidas nos últimos anos, como o novo edificio de cociñas do IES Sanxillao, cun investimento de 1,8 millóns de euros; a rehabilitación integral do IES Lucus Augusti, na que se destinaron 3,3 millóns de euros; ou a central de biomasa da maza educativa, que supuxo un gasto de 2,1 millóns de euros. Tamén lembrou a construción do novo edificio de talleres de carpintería do Centro Integrado de FP Politécnico de Lugo, cun orzamento de 1,2 millóns de euros, así como as rehabilitacións integrais do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, cun investimento de 1,5 millóns de euros; do IES Ánxel Fole, con 1,4 millóns de euros; da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, con 1 millón de euros; e do Colexio Paradai, tamén con 1 millón de euros.

⚙ Configurar cookies
0.082165002822876