Máis de 200 estudantes dan comezo en Lugo ao torneo de oratoria Lugo Debate

LugoXa
A competición reúne durante tres días a alumnado de toda Galicia para debater sobre democracia, intelixencia artificial ou ética cultural
Inauguración-Lugo-Debate-2026
10 Apr 2026

O torneo Lugo Debate arrincou na cidade cunha primeira xornada que reúne a máis de 200 estudantes de Secundaria, Bacharelato e Universidade procedentes de toda Galicia. A competición, que se prolongará ata o sábado, converte Lugo nun punto de encontro académico no que a oratoria e o pensamento crítico son os grandes protagonistas.

A iniciativa comezou cunha visita guiada pola cidade dirixida por Guido Álvarez, que serviu como primeira toma de contacto dos participantes co entorno no que se desenvolverán as distintas actividades. Xa pola tarde, a Escola de Relacións Laborais acolleu a inauguración oficial e as primeiras roldas de debate.

Durante esta primeira xornada, os equipos enfrontáronse a cuestións de actualidade e reflexión, como o impacto das redes sociais na democracia ou a posibilidade de substituír políticos por intelixencias artificiais en determinados ámbitos para evitar a corrupción. Na segunda rolda, os estudantes de Secundaria debatiron sobre a publicación das obras de Franz Kafka en contra da súa vontade, mentres que os de Bacharelato analizaron se é lexítimo interromper eventos deportivos mediante protestas políticas.

Ademais das competicións, o programa inclúe formacións específicas en comunicación impartidas por Óscar Rodríguez, subcampión mundial de oratoria, así como outras actividades complementarias que buscan reforzar as habilidades argumentativas dos participantes. As xornadas eliminatorias continuarán este venres na Escola de Relacións Laborais e culminarán o sábado no Círculo das Artes, onde se celebrará a final.

A programación paralela inclúe tamén propostas culturais e formativas, como unha charla do guionista Pepe Coira ou o concerto da artista TERE!, previsto na Delegación Territorial da Xunta, co que se pechará unha das xornadas do encontro.

No acto inaugural participaron representantes institucionais como o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, quen destacou o valor destas iniciativas como espazos que fomentan a capacidade crítica, a escoita activa e a participación consciente da mocidade. A Deputación de Lugo colabora cunha achega de 10.000 euros para a organización do evento.

Tamén estivo presente o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, que puxo en valor o torneo como un espazo de aprendizaxe e intercambio de ideas, ao tempo que salientou o talento da mocidade galega e a importancia de desenvolver habilidades como a análise, a reacción e a construción de argumentos sólidos. A Administración autonómica apoia a iniciativa facilitando, entre outras cuestións, o aloxamento dos participantes no complexo residencial xuvenil LUG II.

0.12833380699158