Máis de 200 persoas celebran o décimo aniversario do Lugo Sala
Dez anos dan para moito, ou para pouco, segundo se mire pero os do Lugo Sala só teñen un desexo: que sexan por moitos máis. No Pazo de Feiras e Congresos de Lugo o club celebrou o seu primeiros dez anos de existencia que cumpre o venres 14 de xuño. Máis de 200 persoas entre adultos e nenos congregáronse no restaurante do Pazo de Feiras para celebrar este día. Coa presenza do primeiro equipo, así como de patrocinadores e autoridades, o club só tiña un obxectivo: celebrar este anos de historia no que a entidade foi crecendo pasiño a pasiño, con criterio e cos obxectivos moi claros.
O presidente do club, Marcos Pereira, agradeceu tras a comida a todos os asistentes a súa implicación e por acompañar á directiva nun día como este, agradecendo tamén aos seus compañeiros de Xunta o traballo destes anos. Así mesmo, homenaxeouse cun recordo do evento a cinco xogadores, e agora adestrador nalgún caso, que a seguen no equipo e que estaban dentro daquel medio centenar de nenos e nenas que iniciaron a Escola Lugo Salga en 2014, Yerai Espiñeira, David Seijas, Samu, Gabriel e Javi García, así como o actual coordinador Deportivo do club e adestrador Álvaro Julio.
E finalmente tamén se fixo entrega dun recordo ás institucións polo seu apoio durante estes dous primeiros lustros de vida, como foi ao concelleiro de Deportes e Xuventude, Jorge Bustos, e a Elena Candia e Quique Rozas, en representación do PP en Lugo. Todo isto celebrouse nun gran ambiente festivo e no que os adultos gozaron de sobremesa con boa música co grupo Alma Libre e os nenos puideron facelo con partidos de fútbol sala e inchables na pista polideportiva. Como di o lema desta tempada, Lugo Sala nunca se rende, e o club seguirá loitando por formar xogadores e persoas durante os próximos anos.