Máis de 200 persoas concentráronse diante do centro de saúde de Antas de Ulla

LugoXa
Esixiron “unha asistencia sanitaria digna e de calidade”.
manifestación_centro_de_saúde_antas
11 Xul 2024

Máis de 200 persoas concentráronse diante do centro de saúde de Antas de Ulla para esixir “unha asistencia sanitaria digna e de calidade”. Os veciños e veciñas acudiron á chamada do concello e da súa alcaldesa, Pilar García Porto, que o mes pasado demandoulle por carta ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, “que cubra a praza do médico xubilado no centro de saúde”, ademais de pedirlle información “sobre a construción do novo centro de saúde comprometido pola Xunta de Galicia en campaña electoral”.

A carta enviouse o pasado 21 de xuño e, ante a ausencia de resposta, a alcaldesa convocou a todos os veciños e veciñas do Concello de Antas de Ulla á concentración. “Os concellos do rural temos os mesmos dereitos que os demais e necesitamos uns servizos públicos de calidade para frear a despoboación”, asegurou hoxe a alcaldesa. “Coa saúde non se pode xogar”, afirmou.

A alcaldesa pídelle ao conselleiro, Antonio Gómez Caamaño, “a súa urxente intervención nun asunto de vital importancia, xa que esta ausencia dun profesional sanitario está a xerar serias dificultades para prestar a atención médica necesaria, especialmente aos nosos maiores, que requiren unha atención constante e especializada”.

“Actualmente a doutora que atende o centro de atención primaria traballa pola mañá e varios días á semana reforza con traballo tamén en xornada de tarde”, engade Pilar García Porto. O feito de contar cunha única doutora “xa ocasionou que a nosa veciñanza quedara sen atención médica no seu centro, e esta situación verase agravada nos períodos de vacacións ou de ausencia por calquera outro motivo da doutora”.

0.20780515670776