Máis de 200 prazas para participar gratuitamente das actividades propostas pola Área de Xuventude

A área de Xuventude e Deportes do Concello de Lugo vén de presentar a súa programación de actividades para os próximos meses, que se extenderán ata o mes de xuño.
A oferta inclúe unha ducia de actividades, mantendo as máis demandadas e de maior éxito das edicións anteriores, e engadindo novas propostas de interese para os mozos e mozas da cidade.
Algunhas das actividades que se repetirán debido á súa popularidade son as rutas de sendeirismo e o curso de monitor de tempo libre, que permite aos participantes obter un certificado oficial para exercer este traballo.
Tamén se inclúen novidades como o curso Lugo Comunica, que ten como obxectivo mellorar a expresión e ensinar as técnicas para a elaboración de discursos e a arte da oratoria, e un novo club de debuxo, que abre as portas a todas aquelas persoas interesadas no mundo do arte.
A programación, dirixida a mozos e mozas de entre 14 e 35 anos, tamén inclúe actividades como zumba, ioga, cociña, radiocontrol, excursións e xornadas de divulgación, que este ano estarán centradas en dar a coñecer as propostas de ocio e laborais da Ribeira Sacra.
A maior parte das actividades terán lugar na Casa da Xuventude, que acollerá as 230 prazas dispoñibles para os participantes. Os cursos e clases comezarán ao longo dos meses de febreiro e marzo, e prolongaranse ata o 15 de xuño.
As persoas interesadas en apuntarse poden consultar toda a programación, horarios e días dispoñibles, así como os formularios de inscrición, na web do Concello de Lugo.