Máis de 225 clubs do deporte base recibirán axudas da Deputación

TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | RibeiraSacraXa | AMariñaXa
Máis de 225 clubs de deporte base e afeccionado recibirán axudas da Vicepresidencia da Deputación, cun investimento total de 500.000 euros
deportes escolas deportivas
30 Xul 2022

A Xunta de Goberno aprobou este venres a resolución provisional da concesión de subvencións a entidades deportivas da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Máis de 225 clubs de base e afeccionados resultaron beneficiarias destas achegas destinadas a fomentar o deporte e a apoiar a actividade do tecido asociativo de base, cun investimento total de 500 mil euros.

As subvencións, que oscilan entre os 300 e os 5.000 euros, chegarán a unha ampla variedade de disciplinas -fútbol, baloncesto, ciclismo, piragüismo, atletismo, ximnasia rítmica, patinaxe, triatlón, balonmán, natación, voleibol, waterpolo, bádmiton, tenis de mesa, padel, tenis, squash, karate, taekwondo, judo, kung fu, loitas olímpicas, tiro, surf, remo, xadrez, bolos, rugby ou pesca – para atender diferentes gastos relacionados coa actividade habitual, desde licenzas e dereitos de participación en competicións ata material, vestimenta deportiva, transporte ou persoal.

Ademais de contribuír ao mantemento da actividade ordinaria das entidades deportivas, a través desta convocatoria, que conta cunha liña específica para eventos, a Vicepresidencia da Deputación apoia a organización de máis de medio cento de torneos, campionatos e probas deportivas promovidos polos clubs en toda a provincia.

O deputado de Deportes, Efrén Castro, sinalou a importancia desta convocatoria para “a actividade de clubs de deporte base e afeccionado, que desenvolven un papel fundamental en facilitar o acceso ao deporte en todo o territorio, e que ademais de ter unha importante dimensión social, está dando tamén grandes resultados a nivel de crecemento deportivo, xa que deportistas lucenses de categorías de base formados nestes clubs están destacando en moitísimas disciplinas”.

Na resolución das axudas, que se publicará a vindeira semana no Boletín Oficial da Provincia, tivéronse en conta os criterios fixados nas bases da convocatoria como o rendemento ou a incidencia social do club, o fomento da igualdade e a integración ou a localizacion, primándose aos de concellos con menos de mil habitantes.

0.14041209220886