Máis de 30.000 persoas arrodearon a Xunta en Santiago ao berro de “Altri Non”

LugoXa
Marta Gontá pídelle a Rueda “que non sexa cómplice da implantación pola forza dunha industria contaminante”
manifestacion-contra-altri-santiago
Manifestación en Santiago
30 Xuño 2024

Máis de 30.000 persoas chegadas de todos os puntos de Galicia arrodearon hoxe a sede da Xunta en Santiago ao berro de “Altri Non”. Arredor de 45 autobuses procedentes da Ulloa, a Comarca do Deza, Terra de Melide, Arzúa, a Ría de Arousa, as sete grandes cidades galegas ou A Mariña de Lugo, sumáronse arredor de San Caetano ao acto simbólico convocado pola Plataforma Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) para esixirlle ao goberno do PP “que leve a cabo a súa obriga mais relevante, que é mirar polo benestar das galegas e galegos”, segundo dixo a presidenta de Ulloa Viva, Marta Gontá, en declaracións aos medios ao comezo do acto reivindicativo.

Marta Gontá pediulle ao presidente da Xunta “que non sexa cómplice da implantación pola forza dunha industria altamente contaminante que nos obrigaría a vivir peor a cambio de beneficios privados para catro". Diante da actitude da Xunta e a falta de comunicación coa veciñanza a respecto do proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei, a Plataforma Ulloa Viva advertiulle a Rueda que “si insiste en estar do lado da empresa e non dos veciños e veciñas, terános enfronte".

O presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, Xaquín Rubido, tamén explicou en declaracións aos medios que o modelo da macrocelulosa de Altri e a Mina de Touro “non ten en conta o territorio, nin á xente, nin a nosa forma de vida e cultura”. Segundo dixo Rubido “é un modelo colonial onde espolian os bens dun lugar e marchan cando o teto está seco, deixando atrás unha terra queimada”.

Ao comezo da mobilización, o presidente da PDRA advertiu que este modelo que está a impoñer a Xunta do PP “destrúe o noso emprego, favorece o cambio climático, contamina o medio do que vivimos e arruína a nosa soberanía alimentaria”. Diante diso, Rubido criticou que “ese é o modelo que impulsa e publicita o goberno da Xunta de Galicia. As persoas que vivimos nesta terra non lle importamos nada”.

Manifesto

A lectura do manifesto desta convocatoria correu a cargo de Raquel González Borrajo, veciña de Agolada e membro da Plataforma Ulloa Viva, e María Porto, presidenta das Mariscadoras a Pé de Carril (PDRA). Comezaron explicando que “non queremos a macrocelulosa que Altri, Greenalia e a Xunta queren chantar no corazón de Galicia. Non queremos un monstro que mastigue eucalipto para vomitar 400.000 toneladas de celulosa, non queremos unha samesuga xigante que absorba 46 millóns de litros de auga do Ulla ao día e devolva unha parte sucia e quente, non queremos 100.000 toneladas de gases efecto invernadoiro, non queremos unha bomba ambiental que afogue o río e dane aínda máis o mar da Arousa”.

Logo de expoñer os datos arredor da captación de auga que Altri pediu á Xunta o pasado mes de decembro, pendente de decidir por parte do Goberno galego, aseguraron que “Augas de Galicia, o organismo competente da Xunta, debería emitir unha resolución negativa e evitar así o descrédito da súa independencia técnica e científica. Nós estámosllo esixindo hoxe aquí ben alto e claro”.

Aludindo ás declaracións do Consello da Xunta coma Proxectos Industriais Estratéxicos (PIE) o de Altri (en decembro de 2022), e o da Mina de Touro (o pasado 24 de xuño), afirmaron na lectura do manifesto que “o seu mal chamado progreso vai en contra da propia vida, do Ulla e das xentes que habitamos o territorio. Preguntámonos para quen son estratéxicos estes proxectos”. Neste senso, dixeron que “queremos dicirlle a ese suposto gabinete da Xunta que supostamente decide que industrias son estratéxicas que teno que facer de verdade. E para facelo de verdade ten que estudar as verdadeiras necesidades dos sectores agrogandeiro, pesqueiro e marisqueiro, as necesidade das que vivimos e traballamos sobre o territorio”.

Arrodeando Sa Caetano, criticaron que “á Xunta do señor Rueda, que máis ca un presidente de todas as galegas e galegos parece o comercial de Altri, importámoslle ben pouco”. Lembraron que “presentamos máis de 20.000 alegacións e teima en dicir que deciden os técnicos. E ese suposto gabinete inventado non é máis ca unha tapadeira, un parapeto detrás do que agochar as decisións políticas do señor Rueda”.

Puxeron ademais na lectura do manifesto o foco no Goberno do Estado, asegurando que “debe saber que o pobo galego non quere Altri, non quere un proxecto que convirta a terra e a auga en miseria. Non pode dar luz verde a un proxecto que incumpre todos os principios para non causar danos significativos ao medio ambiente. Non é posíbel que un proxecto como Altri poida optar a fondos europeos. E todos sabemos que sen os cartos públicos, sen os cartos de todas e todos os nós, sen eses 250 millóns que a multinacional pretende extraer de Europa, non haberá macrocelulosa”.

Ao remate do acto, concluíron que “é o Goberno galego o que debe cesar no seu apoio á macrocelulosa. É o Goberno de Madrid o que debe negar a este proxecto as axudas europeas. Os gobernos existen para facilitar a vida das persoas, non para atacarnos. Os gobernos existen para apostar por esta terra e polo seu futuro. Queremos seguir vivindo e traballando na nosa terra e por iso berramos ben alto e ben claro con todo o noso corazón: Altri non!”.

Ao remate da lectura do manifesto, un grupo de 20 músicos chegados de distintos concellos de todo o Ulla até a Ría de Arousa subiron ao escenario para interpretar unha adaptación con letra de Miki Varela da cantiga tradicional compostelana “O Monte Viso”.

Colaboracións

Dende a PDRA destacan a colaboración das Confrarías da Ría de Arousa, das Agrupacións de bateeiros, de moitos concellos da zona ou a Mancomunidade do Barbanza. Ademáis agradecen á Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra o seu posicionamento en contra da instalación da celulosa de Altri. Dende a Plataforma Ulloa Viva tamén agradecemos a todos os colectivos e asociacións que nos apoian nesta loita, que hoxe voltaron a saía á rúa na defensa de Galicia, e ao traballo de todos os colectivos e grupos vivos Que integran a plataforma por todo o país e sen os que non tería sido posible o acto reivindicativo celebrado hoxe en Compostela.

0.10008096694946