Máis de 300 nenas e nenos participaron nos distintos obradoiros municipais de decembro
Rubén Arroxo fixo un balance “moi positivo” da iniciativa que achegou ás nenas e nenos a instalacións como o MIHL, o Vello Cárcere ou o Mercado Municipal.
O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, fixo un balance “moi positivo” da participación das nenas e nenos nos distintos obradoiros postos en marcha pola Tenencia de Alcaldía no MIHL, o Vello Cárcere, as Casas das Linguas e o Mercado Municipal. En total, máis de 300 nenas e nenos participaron nas distintas instalacións, “facilitando a conciliación e promocionando as distintas instalacións culturais, ademais do Mercado Municipal e a Praza de Abastos”.
Nas cifras facilitadas por Rubén Arroxo viuse reflectida “a interese dos máis cativos por aprender en diversas materias e coñecer máis sobre a súa cidade”. Así o reflicten os datos, con 30 inscritos nas actividades da Casa das Linguas, 127 nas do Vello Cárcere, 124 nas do Mercado e a Prazas de Abastos, e 50 naquelas impartidas dende o MIHL.
As actividades ofrecidas aos nenos e nenas foron de numerosas temáticas, dende obradoiros de reciclaxe e comida saudable, aprendizaxe de linguas, coñecemento da cidade de Lugo e da súa historia, ata outros dun estilo máis acorde ás recentes datas festivas, como foron as clases de creación de panxoliñas e relatos. O Tenente Alcalde explicou que, ademais de ofrecer unha ferramenta de aprendizaxe aos máis cativos, “demos unha alternativa para que as familias puideran conciliar, especialmente durante as vacacións de Nadal”.
Rubén Arroxo insistiu na importancia de programar actividades para os nenos e nenas xa que “axudan a estimular a súa creatividade e as súas habilidades sociais, á vez que coñecen a súa cidade e conectan coa súa contorna, o que tamén permite xerar neles un sentimento de pertenza e de interese nas súas orixes”.