Máis de 40.000 persoas pasaron por os puntos de atención turística de Lugo durante o verán
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, deu conta dos datos de visitantes rexistrados no verán de 2022 nas instalacións turísticas municipais. Ferreiro explicou que "o número de turistas que se achegaron a Lugo na tempada de verán practicamente duplica o rexistrado de 2019, demostrando que Lugo se posicionou xa como un destino estratéxico á hora de visitar Galiza".
A oficina de turismo e o punto de información turística da praza Maior atendeu durante toda a campaña de verán a 42.818 persoas, das cales 20.570 aconteceron no mes de agosto. “Só no mes de agosto rexistramos un número similar a todo o verán de 2019, con 21.644 turistas entre xuño e agosto”, explicou a concelleira de Cultura.
No tocante ás salas museísticas municipais, 23.629 persoas se achegaron durante este verán, superando a marca de 19.400 do verán de 2019. Entre as instalacións que rexistraron maior suba, destaca o MIHL, que pasou de 1.213 visitantes en 2019 a 4.887 neste verán, “efecto da programación de calidade que levamos a esta instalación durante estes anos”, afirmou Maite Ferreiro en referencia a mostras como A Revolta dos Clicks, que está a ser un dos maiores atractivos desta instalación.
Maite Ferreiro destacou que "o aumento de persoas que se achegan á cidade é froito da campaña Lugo Km 100, que está posicionando o noso concello como un referente do turismo de calidade e proximidade, poñendo en valor o patrimonio histórico e a ampla programación cultural coa que contamos".
A programación cultural da área de cultura durante o verán estivo formada por preto de 10 exposicións nos distintos espazos do Vello Cárcere e do MIHL. A maiores, a área de Cultura apostou por unha extensa programación de rúa, que incluíu á terceira edición do Muralleando, con concertos de grupos locais nas tardes dos venres e sábados na Mosqueira, ademais da mostra Versos na Barraca, que achegou ás persoas máis relevantes no panorama poético galego, con nomes como Manuel Rivas, Antía Otero, Antón Reixa ou Aldaolado. As familias puideron desfrutar de distintas actividades infantís nas tardes dos xoves, e do primeiro Lugo Music Festival, un encontro centrado na música de orquestra que achegou a persoas de todas as zonas do mundo a Lugo.
Entre os visitantes que se achegaron ás distintas instalacións turísticas, destacan os procedentes do resto de Galiza, ademais de Madrid e Cataluña, seguidos de Valencia, País Vasco e Andalucía. Francia, Portugal, Reino Unido e Alemaña son os países con máis turistas estranxeiros rexistrados nas estatísticas municipais.