Máis de 400 veciños e veciñas de lugo solicitaron un composteiro individual

LugoXa
Esta iniciativa enmárcase dentro dun contexto máis amplo de mellora continua na xestión de residuos no municipio
composteiros-Lugo
29 Apr 2025

O Concello de Lugo segue a dar pasos firmes na súa estratexia de fomento da reciclaxe da materia orgánica mediante a distribución de composteiros individuais nas zonas rurais do municipio. A campaña, impulsada pola Área de Transición Ecolóxica que lidera o alcalde Miguel Fernández, está a rexistrar unha excelente acollida por parte da veciñanza, con máis de 400 solicitudes recibidas ata o momento.

Esta iniciativa enmárcase dentro dun contexto máis amplo de mellora continua na xestión de residuos no municipio. Nos últimos dous anos, Lugo destacou como unha das cidades galegas con maior crecemento na recollida selectiva: un 48,9% máis en papel e cartón —fronte ao 8,76% de media autonómica— e un 32,8% no colector amarelo —moi por enriba do 6,8% rexistrado no conxunto de Galicia—. Estes datos tamén superan amplamente as medias estatais, reflectindo un claro compromiso social e a eficiencia dos servizos municipais.

O alcalde destacou a implicación das parroquias na compostaxe como unha peza clave para avanzar cara a un Lugo máis sostible, subliñando a importancia de completar o ciclo dos residuos e reducir a fracción resto.

A campaña comezou cun encontro no Centro de Convivencia de Fingoi, onde preto de 40 representantes parroquiais participaron nunha reunión para reforzar a coordinación entre o Concello e o rural. Desde entón, celebráronse sesións informativas en parroquias como Tirimol, Conturiz ou Bazar, e xa hai novos encontros programados en puntos como o barrio da Ponte, co obxectivo de seguir sumando adhesións.

As persoas interesadas poden solicitar de balde o seu composteiro a través dos canais habituais de Ecolugo —na oficina da rúa Clérigos, 7; no teléfono 900 909 671; na web lucelugo.gal; na app bitPAYT ou no WhatsApp 982 043 093—. Xunto co composteiro, entrégase unha guía de uso que explica como compostar correctamente restos como vexetais, froitas ou residuos de xardinería, evitando produtos cárnicos ou elaborados.

Desde o Concello anímase á cidadanía a participar nesta acción que contribúe activamente ao coidado do medio ambiente.

⚙ Configurar cookies
0.17666482925415