Máis de 50 persoas percorren varias etapas do Camiño Francés para visibilizar a ELA

Máis de 50 persoas da Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica (AGAELA) comezaron unha das etapas do Camiño Francés, desde a parroquia de Fonfría, en Pedrafita do Cebreiro, ata Triacastela.
O grupo, formado por pacientes, familiares e voluntarios, percorre esta ruta de peregrinaxe para dar visibilidade a unha enfermidade que afecta unhas 4.500 persoas en España e que é a terceira patoloxía neurodexenerativa máis frecuente, só por detrás do alzhéimer e o párkinson.
Tras completar os nove quilómetros da etapa Fonfría – Triacastela, os participantes realizarán os tramos de Furela a Sarria, de Ferreiros a Portomarín, de Melide a Ribadiso e de Boavista a Pedrouzo. Finalmente, chegarán a Santiago de Compostela o próximo 10 de setembro tras percorrer a etapa que une Vilamor coa capital galega, sumando en total case 54 quilómetros.
O presidente da Deputación, José Tomé, saudou aos participantes e destacou o esforzo e a iniciativa organizada polo grupo CompostELA “para concienciar á sociedade sobre a Esclerose Lateral Amiotrófica e as necesidades de quen a padece”. Tomé subliñou tamén a importancia de fomentar a investigación para “avanzar no coñecemento desta patoloxía e desenvolver novos tratamentos que permitan mellorar a calidade de vida dos pacientes e das súas familias”.
Ao encontro asistiron, ademais, o alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo Magdalena, a vicepresidenta de AGAELA, Susi Seoane Lema, e o presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na provincia de Lugo, Ángel Trabada López, entre outras autoridades.