Máis de 600 atletas participan na cuarta proba do Corre con Nós en Lugo
A cuarta proba do XXII Circuíto Larsa Corre con Nós 2024 reunirá este domingo a máis de 600 atletas de todas as idades nun circuíto de asfalto, con saída e chegada desde o aparcadoiro inferior do estadio Anxo Carro, discorrendo as probas polo entorno da estrada de Ombreiro. “A día de hoxe xa se anotaron 1.683 persoas no circuíto de carreiras, que encara o seu ecuador, pois trala proba do domingo só restarán dúas citas máis os días 25 de maio e 9 de xuño”, explica o edil de Deportes, Jorge Bustos,
Neste senso, Bustos convidou a toda a veciñanza lucense a continuar inscribíndose e participar nas derradeiras probas deste circuíto, promovido polo Concello de Lugo. Nas diferentes citas, todos as persoas chegadas á liña de meta dispoñen de avituallamiento.
A proba deste domingo discorrerá polas seguintes rúas que permanecerán cortadas durante a mañá do domingo entre as 11.30 e as 13.30 horas, aproximadamente: Avenida dos Deportes; acceso ao entorno da Fábrica da Luz; estrada de Ombreiro; acceso desde a N-VI á estrada de Ombreiro; acceso desde a estación elevadora de augas á estrada de Ombreiro; acceso á área recreativa Os Robles; acceso pola Avenida dos Deportes ao Pazo de Feiras; aparcadoiro inferior estadio Anxo Carro.