Máis de 650 atletas participan na penúltima proba do Circuíto Corre con Nós en Lugo

LugoXa
O percorrido de asfalto e terra será pola rúa Fermín Rivera, a Ponte Romana, o paseo fluvial do Miño, o entorno do acceso ao complexo do Palomar e a estrada de Orbazai
corre_con_nos_as_termas
Corre con nós As Termas
24 Maio 2024

O XXII Circuíto Larsa Corre con Nós 2024 mantén o seu poder de convocatoria e este sábado celebrará a quinta das súas probas, a penúltima do circuíto, que ten prevista a participación de máis de 650 atletas de todas as idades, nunha carreira que descorrerá pola contorna do Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo. “En total xa hai 1.732 persoas inscritas no circuíto, que encara a súa recta final, pois tras esta carreira só restará a do vindeiro 9 de xuño”, destacou o edil de Deportes, Jorge Bustos.

O percorrido de asfalto e terra será pola rúa Fermín Rivera, a Ponte Romana, o paseo fluvial do Miño, o entorno do acceso ao complexo do Palomar e estrada de Orbazai, mentres que tanto a saída como a meta estarán situadas baixo a pasarela fluvial. As citadas rúas estarán cortadas ao tráfico para a proba de adultos, desde ás 17.30 ás 18.30 horas, mentres que para o resto de categorías non afectarán ao tráfico rodado, posto que o percorrido se desenvolverá integramente polo interior do parque situado a carón da Feira de Exposicións.

Nos últimos anos, esta quinta proba é xa un habitual do circuíto por tratarse dun entorno perfecto para esta época do ano, onde pequenos e maiores adestran combinando terreo brando e duro. Dadas as características desta proba o edil de Deportes espera “unha gran participación, tendo en conta ademais que só resta unha carreira para finalizar esta exitosa edición do Corre con Nós”.

0.18885707855225