Máis de 70 ganderías recibirán as axudas do programa O que non arde da Vicepresidencia da Deputación

72 ganderías recibirán axudas do programa de apoio ao silvopastoreo O que non arde da Vicepresidencida da Deputación de Lugo, segundo a resolución provisional da convocatoria de subvencións publicada este luns no Boletín Oficial da Provincia de Lugo.
Trátase de ganderías de cabalar, ovino, cabrún e porcino en extensivo, que recibirán achegas para financiar a instalación de pastores eléctricos, valados electrificados, colares intelixentes, pasos canadenses, refuxios e outros elementos para silvopastoreo como cepos, curros, mangas ou comedeiros e bebedeiros. En total, a área de Rural distribuirá 350.000 euros entre as ganderías beneficiarias.
O deputado de Rural Daniel García destacou que “ o reforzo orzamentario do programa, que se triplicou este ano, permítenos chegar a máis de setenta ganderías en extensivo de toda a provincia” e subliñou tamén “o incremento das contías, con importes que chegan aos 12.000 no caso daquelas que solicitaron axudas para a compra de colares intelixentes, unha das novidades que introducimos este ano na convocatoria co obxectivo de impulsar o acceso das ganderías ás innovacións tecnolóxicas que facilitan o traballo sobre o terreo”.
Nese senso, o responsable provincial valorou “a gran demanda destas axudas como un termómetro das necesidades e demandas destas ganderías, que son fundamentais para a conservación do territorio e da poboación no rural” e lembrou “a aposta por este modelo produtivo a través da convocatoria, que supón preto do 14 por cento do orzamento da área de Rural”
Na resolución da convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, aplicáronse os criterios establecidos nas bases, que priman o silvopastoreo con animais de razas autóctonas, a condición de explotación prioritaria no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (REGA), a situación dalgunha das parcelas nas que se desenvolve a actividade en zona de montaña, a pertenza a asociacións de produtores gandeiros ou a titularidade feminina das ganderías, entre outros baremos.
Coa publicación da resolución provisional, abre un prazo de 10 días – a contar desde hoxe - para a presentación de alegacións.