Máis de 70 lucenses participan nos obradoiros de Cestaría da Deputación
Máis de setenta persoas participan nos diferentes obradoiros que a Deputación de Lugo programou no centro de cestería, situado no paseo do río Rato, en Lugo, coincidindo cos Días Europeos de Artesanía, que se celebran do 28 de marzo ao 3 de abril.
O deputado de Artesanía e Deseño, Efrén Castro, achegouse esta mañá a un dos obradoiros, impartido pola cesteira pastoricense María Otero, no que as persoas participantes fixeron un comedeiro esférico e sinalou “a boa acollida que tiveron as actividades, que están demostrando o interese e potencial que oficios e técnicas tradicionais como a da cestería teñen na sociedade actual, adaptándose a novos usos”.
Os cursos, que se veñen desenvolvendo desde o luns, xiran arredor dunha temática común, o mundo das aves. Así, cada xornada unha das artesás que participan na iniciativa propoñen a realización dunha peza, ligada orixinalmente a unha funcionalidade relacionada coas aves pero que se adecúan tamén a usos decorativos.
Remata o obradoiro sobre aproveitamento enerxético
As actividades programadas polos Días Europeos da Artesanía darán paso esta fin de semana á segunda parte do obradoiro de construción de estufas de inercia de alto rendemento, que se iniciou os días 12 e 13 de marzo.
Trátase dunha formación teórica e práctica na que as persoas anotadas aprenden a construír este tipo de estufas, unha tecnoloxía que permite lograr a máxima eficiencia á hora de xenerar calor e aproveitalo.