Máis de cen persoas participan en Pías na primeira xornada informativa sobre o proxecto LUGAZ

A primeira xornada técnica e informativa sobre o proxecto LUGAZ, previsto na parcela anexa ás instalacións de Leite Río, no polígono do Ceao, reuniu en Pías a máis de cen persoas interesadas en coñecer os detalles e consecuencias desta iniciativa industrial. O encontro, promovido pola veciñanza de Tirimol e Pías, tivo como obxectivo ofrecer información independente e contrastada sobre o proxecto e analizar os seus posibles efectos no ámbito rural e na contorna máis próxima.
Durante a sesión, o tenente de alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, explicou que os promotores deron coñecemento do proxecto ao BNG, que solicitou recibir a documentación completa para poder estudala en detalle, aínda pendente de ser remitida. Arroxo subliñou ademais a limitada capacidade de actuación municipal, ao tratarse dun Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) declarado pola Xunta de Galicia, o que fai prevalecer o interese autonómico sobre o planeamento urbanístico local e exime a iniciativa de determinados títulos de competencia municipal.
A doutora enxeñeira agrónoma e ex-vicerreitora da USC, Montserrat Valcarcel, tamén participou no encontro para destacar a necesidade dunha lexislación específica que regule este tipo de plantas, especialmente en materia de distancias mínimas respecto das vivendas. Ademais, informou da proposta lexislativa que o BNG está a impulsar no Parlamento galego neste ámbito.
Pola súa parte, o técnico de ADEGA, Daniel L. Vispo, abordou os posibles impactos ambientais e sobre a saúde derivados da planta, desde os cheiros ata a emisión de partículas e o risco de contaminación de augas e solos polos residuos xerados. Tamén explicou os procedementos para presentar alegacións e reiterou o apoio de ADEGA á veciñanza durante todo o proceso administrativo.
O debate posterior serviu para recoller as inquedanzas da cidadanía, que expresou a súa preocupación pola proximidade da planta ás vivendas e pola rapidez coa que se tramitou a declaración como proxecto industrial estratéxico. Os asistentes demandaron maior transparencia e unha participación cidadá efectiva na toma de decisións sobre un proxecto que, segundo destacaron, pode ter un impacto directo na calidade de vida e no medio ambiente da zona.