Máis de cento trinta persoas xúntanse en Palas para a décimo sexta edición do Festival Galego de Teatro Escolar
Este sábado Palas de Rei pon en marcha a décimo sexta edición do Festival Galego de Teatro Escolar, que se celebrará na aldea de Vilar de Donas e na Casa de Cultura de Palas de Rei. Participarán nesta xornada cultural máis de cento trinta actores e actrices de tres Aulas de Teatro de diferentes puntos xeográficos de Galicia como Palas, Touro e Teo.
O programa comezará cunha ruta teatral, musical e poética ás 16.00 horas na aldea de Vilar de Donas, con motivo da conmemoración do seu 800 aniversario, que estará protagonizada por alumnado, familias e profesorado do Obradoiro Municipal de Teatro de Palas e polas Asociacións Culturais A Capela, Os Lobos, Palacio do Rei e A Coral Polifónica de Palas.
Esta proposta combina música, teatro, poesía e xogos e pretenden achegar os xéneros teatrais á poboación, a interrelación entre persoas de diferentes idades e localidades, a aproximación do alumnado ao mundo rural e a súa posta en valor. Ademais tamén busca a transmisión do tecido cultural das xeracións que nos precedero e a posta en práctica dunha educación inclusiva e adapatada á diversidade do alumnado. O punto de partida será o campo da festa e transcurrirá por diversos carreiros da aldea.
Peza cómica e pedagóxica
A partir das 19.30 horas os asistentes poderán gozar do espectáculo, Á luz das Candeas, que o Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei, a Aula de Teatro do CPI Fonte Díaz de Teatro e A Aula de Teatro do IES de Cacheiras poñen en escena na Casa de Cultura de Palas. Esta peza presenta desde una perspectiva dinámica, cómica e pedagóxica, diversas historias de maiores do rural que invitan á reflexión sobre valores como a cultura da paz, a inclusión, o respecto ao medio ambiente, a solidariedade, a integración ou a igualdade.
O festival permite que o alumnado interactúe e propicia que amose conxuntamente o traballo realizado ao longo do curso; ademais de integrar a persoas con diferentes capacidades, de intercambiar experiencias e traballar conxuntamente nun obxectivo común: a posta en escena dunha obra teatral. Insírese dentro dunha xira de funcións que comezou o día 7 de marzo no Teatro Principal de Ourense, continuou en Touro o 16 de marzo e proseguirá en Cacheiras, Sestao, Caen e Bruxelas.