Máis de dous mil maiores sumáronse en Lugo á programación sociocultural
A programación sociocultural organizada polo Executivo local propiciou que máis de 2.700 persoas maiores se sumasen este ano a hábitos de vida saudable. Esta elevada participación é resultado dunha gran aceptación por parte da veciñanza. Así o amosan as cifras das distintas actividades que se foron desenvolvendo ao longo do ano e que, por primeira vez, recupera os niveis de participación prepandemia. Deste xeito, nas actividades organizadas nos centros cívicos nas que se inclúen os obradoiros participaron máis de 1.500 persoas. Noutras liñas do programa, como a concorrida “Actividade física na rúa” participaron máis de 1.200 maiores só durante o período estival. Ademais, existiu unha ocupación total das prazas ofertadas para as clases de baile, onde os usuarios e usuarias experimentan un elevado grao de socialización ou para as distintas excusións programadas polos técnicos que rexistraron un cheo absoluto en todas as datas por motivos similares.
O Goberno local fai un balance moi positivo destes datos. “Sen dubida, trátase dun programa de alta demanda moi adaptado as necesidades deste sector da poboación. O obxectivo final do Goberno local e facilitar que as persoas maiores de Lugo poidan gozar dunha vida activa e dispoñan da posibilidade de ter hábitos de vida saudables. Todo isto, tradúcese nunha maior oportunidade de socializar e establecer novas relacións persoais, así como adquirir novas competencias dixitais, o que nos permite combater problemas de gran arraigo social nesta franxa de idade como a soidade non desexada”, destacou a responsable de Cohesión Social, Ana Abelleira.
Abelleira sinalou que, nas próximas datas, o executivo de Lara Méndez presentará o novo Programa de actividades socioculturais para a tempada 2023-2024 cuxos prazos de inscrición comezan ao longo deste mes. “Os técnicos está ultimando a programación que, mantendo todo aquelo que os datos refracten que está a ter éxito, estamos procurando mellorar para dispoñer dunha maior oferta e poder chegar a máis persoas. A idea é avanzar no obxectivo de aumentar a calidade vida do colectivo de persoas maiores e contribuír desde o Concello a acadar un maior benestar emocional”, concluíu a edila.