Máis de medio centenar de establecementos de Lugo sacan os seus produtos á rúa
Máis de 50 establecementos participan na nova iniciativa Comercio na Rúa impulsada polo Concello de Lugo. A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, acompañada polo concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, e o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, visitaron este martes varios dos establecementos participantes na iniciativa. Este proxecto, promovido polo Executivo Municipal en colaboración coa Federación Galega de Comercio, nace co obxectivo de apoiar ao pequeno comercio local.
Un total de 53 tendas de diferentes sectores como téxtil, deporte, calzado, bixutería, xoiería, librería e óptica, uníronse ao evento inaugural, que se repetirá o último martes de cada mes. Os comercios participantes, localizados principalmente no centro histórico e na contorna da Avenida da Coruña, están identificados cunha bandeirola distintiva.
A iniciativa busca fortalecer o comercio local, que non só xera riqueza no municipio, senón que tamén mantén un importante número de postos de traballo. "Mercar no comercio local é un acto de solidariedade cos nosos veciños e unha oportunidade para acceder a produtos únicos e de calidade", afirmou a alcaldesa Paula Alvarellos durante a visita aos comercios. Esta campaña representa un esforzo conxunto para dinamizar a economía local e fomentar o consumo de proximidade, beneficiando tanto aos comerciantes como á cidadanía.