Máis de medio centenar de lucenses participan no ‘Econtro co Talento’
Máis de medio centenar de lucenses participaron na xornada ‘Encontro co Talento’ organizada polo Executivo de Paula Alvarellos, a través da Área de Dinamización Económica, co obxectivo de responder dun xeito áxil ás necesidades do mercado laboral, conectando a persoas que se atopan en busca de emprego con empresas interesadas en ampliar os seus equipos.
Ao evento, que tivo lugar no CEI Nodus municipal, asistiu o responsable da área de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, quen destacou a aportación ás persoas emprendedoras ou na procura de emprego que se leva a cabo desde o servizo integral de orientación, formación e desenvolvemento dos programas de fomento do emprego do Concello de Lugo.
“Con esta iniciativa buscamos facilitar a contratación laboral, mediante unha ferramenta coa que as empresas poidan atraer a profesionais que fagan crecer o seus negocios, ao tempo que contribuímos a reter o talento local e fixar poboación”, explicou Repetto, quen engadiu que “esta é unha das nosas prioridades como goberno, e para iso, pese a non ter as competencias directas neste eido, activamos estratexias como o Lugo Transforma, a través do que xa xeramos 36 novos postos de traballo directos no municipio”.
Para a celebración deste evento púxose en marcha a web www.encontrotalento.arquivalugo.gal a través da que numerosas empresas do municipio publicaron as súas ofertas e as persoas interesadas puideron acceder a elas para presentar a súa candidatura. Ademais, durante a xornada, que tivo lugar ao longo da mañá, houbo un punto de información no que un equipo de profesionais especializados en asesoramento laboral resolveron dúbidas.