Máis de medio milleiro de ciclistas desfrutaron do Ancares Cycling Marathon
Máis de medio milleiro de ciclistas gozaron este domingo da festa de deporte, natureza e tradición que supón o Ancares Cycling Marathon, o gran fondo de montaña de referencia en Galicia que, por terceiro ano, mostrou a espectaularidad dos Ancares lucenses a través das dúas rodas.
A marcha empezou puntual, ás 9,00 horas, desde a Praza do Mercado de Pedrafita do Cebreiro. Arrincou entre o frío e a néboa, que pronto deu paso a un sol radiante. No corte de cita estiveron presentes o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, o alcalde de Pedrafita, José Luis Raposo, José María Seijas e Santiago Seijas, do Clube Ciclista Cidade de Lugo e Ezequiel Mosquera, de EME Sports.
As espectaculares paisaxes do roteiro acompañaron ao nutrido pelotón no seu roteiro polas Nogais, Becerreá, Pedrafita, Cervantes e Navia de Suarna, nas estradas máis salvaxes da montaña lucense. Tras os portos de Sete Carballos, Pintinidoira e Vilasol, os ciclistas subiron ao Alto do Cebreiro, percorrendo os últimos metros polo Camiño de Santiago entre os aplausos do público e o paso dos peregrinos.
O primeiro clasificado do Gran Fondo foi David Mayo, tras 4 horas e 19 minutos sobre a bici, o segundo Iago Medín, cun tempo de 4 horas e 25 minutos, e o terceiro Ángel Maneiro, con 4 horas e 27 minutos de percorrido. Entre as mulleres, a máis rápida do roteiro longo foi Tuxa Fernández-Coronado, que fixo o percorrido completo en 5 horas 42 minutos. A seguinte foi Mónica Díaz, con 5 horas 44 minutos, e a terceira Estefanía Vega (5h47m).
En canto ao medio fondo, o primeiro foi Javier Martínez, do club ciclista León, que entrou a meta tras 3 horas 41 minutos de carreira, seguido de Juan Luís López de Guereñu (3h45m) e Alberto González (3h47m). Na clasificación feminina de medio fondo, a máis rápida foi Camila Rey (4 horas 12 minutos), seguida de Ana Senso (4h38m) e Mónica Campagna (4h46m).
O primeiro en pasar por liña de meta no Cebreiro foi os lucense Marcos Codesal, participante do roteiro máis curto, tras 1 hora e 46 minutos de marcha. O segundo e terceiro posto do 'mini fondo' foron tamén para participantes da provincia, Adríán Álvarez Mosquera (1h54m) e Javier Gómez (1h 56m). A primeira muller foi a xixonesa Paula Arias, cun tempo de 2h09m, seguida da burelense Sabela Borrajo (2h15m) e Tamara Gómez Garrido, de Elxe (2h16m).
O trofeo para o grupo máis numeroso quedou 'en casa', foi para o Club Ciclista Ancares, mentres que a mención para os que chegaron de máis lonxe viaxou ata O Prat de Llobregat, con Prat Bike.
Entre o medio milleiro de ciclistas participantes, este domingo gozou da montaña lucense en histórico Claudio Chiappucci, que portou o dorsal 1 e que, tras a súa chegada ao Alto de Cebreiro destacou a dureza do percorrido.
Tamén estivo o profesional ourensán Carlos Canal, formalmente o tempo máis rápido no gran fondo, pero que participou fóra de competición. "Ancares non defraudan", dixo tras pasar por meta, destacando o "espectacular" do roteiro e os numerosos participantes nesta cita na que espera repetir, engadiu. Sobre as súas próximas citas, irá "a por todas" no mundial de Glasgow tras gozar este domingo dun "adestro de calidade".
Outro grande, Javi Gómez Noya, que vén dunha lesión, confía en empezar a competir o mes que vén, tras probarse sobre a bici no Ancares Cycling Marathon. Da proba deste domingo destacou o "roteiro espectacular, con portos duros, estradas estreitas e baixadas complicadas".
Finalmente, tamén gozaron desta xornada de festa e ciclismo César García Calvo, o 'xabaril do Bierzo', Iván Raña e Alex Marque.
Como unica nota negativa da xornada, lamentar o atropelo a un membro da organización por parte dun condutor que se negou a acatar as indicacións de seguridade da marcha. O ferido, ao que desexamos unha recuperación satisfactoria, foi trasladado por un equipo médico ao hospital, mentres que o infractor foi detido pola Garda Civil.