Máis dunha década formando especialistas en produción de leite

LugoXa
O Campus Terra de Lugo abre ata o 30 de xuño a inscrición neste mestrado propio da USC
master-en-leite-na-USC
Alumnos no máster
17 Xuño 2024

Corría o ano 2013, cando a primeira promoción do mestrado propio en Produción de Leite da USC celebraba o seu acto de graduación. Máis dunha década despois, o Campus de Lugo segue a impulsar esta titulación clave para o sector agrogandeiro na que se aborda a morfoloxía, fisioloxía e manexo sanitario dos animais, a calidade do produto, as instalacións, a produción de forraxes, a alimentación ou mesmo cuestións relativas á economía e xestión de explotacións leiteiras. A Escola Politécnica Superior (EPS) de Enxeñaría, a Facultade de Veterinaria, a Granxa Docente Gayoso Castro e o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise de Leite (LIGAL) serán as sedes principais onde se desenvolverá a formación, en formato presencial, deste mestrado propio da USC que se completa con prácticas en empresas. A inscrición pode formalizarse en liña a través da páxina web da titulación ata o 30 de xuño.

Para acceder ao mestrado é necesario contar cunha titulación universitaria, preferentemente relacionada co sector agrogandeiro, ou ben ser estudantado ao que reste por superar o traballo fin de grao e, como máximo, 9 créditos ECTS para obter a titulación de acceso requirida, aínda que será necesario presentar o título antes de finalizar o curso.

Os alumnos e alumnas matriculadas terán a posibilidade de realizar 312,5 horas de prácticas en empresas do sector como por exemplo Cooperativa Agraria Provincial da Coruña S.C.G; Instituto Galego de Calidade Alimentaria (Ingacal); Laboratorio Interprofesional Galego de Analise do Leite (Ligal); CLUN S.C.G.; Saragro S.C.G.; Servepo (Servizos Veterinarios da Pontenova); Oviganic Ibérica SL.; Agaca (Asociación Galega de Cooperativas Agrarias); Agrotec Entrecanais ou AIRA sociedade cooperativa galega.

Ofértanse un total de 12 prazas. As clases serán de setembro a xuño e as prácticas finalizarán, como máis tarde, o 30 de decembro de 2025. Haberá ademais que presentar un traballo fin de mestrado con tres convocatorias: xullo, novembro e febreiro. Alén do mestrado, a USC oferta tamén a posibilidade de cursar dous módulos formativos independentes, sen necesidade de facer a titulación completa, como cursos de formación continua: un con formación específica de Alimentación na Produción de Leite e outro de Economía das explotacións lácteas. Hai dispoñibles tres prazas en cada un destes cursos.

O máster é impartido por 59 docentes, 18 da USC e 41 doutras universidades, centros de investigación, empresas, cooperativas e administración pública. Esta décima edición impártese grazas ao patrocinio da Deputación de Lugo, a entidade financeira Abanca e a empresa de subministracións agrarias Progando.

0.20806503295898