Maite Ferreiro acusa á Xunta de Galicia de reducir o apoio ás festas do San Froilán

LugoXa
A concelleira de Cultura critica a perda da colaboración no Expolugo e a redución de aforo na praza de Santa María polas obras na Catedral
Maite-Ferreiro-critica-as-obras-da-Xunta-na-Praza-Santa-María
3 Oct 2025

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, criticou de novo a falta de compromiso da Xunta de Galicia "coas festas máis importantes de Lugo", e fixo fincapé na progresiva reducción do apoio que se vén manifestando nos últimos anos.

Ferreiro subliñou que “cada ano a Xunta de Galicia demostra o seu maltrato ás festas de Lugo, que contan cun patrocinio de só 15.000 euros, mais este ano vemos como reduciron a súa participación nunha das actividades máis relevantes das festas, o Expolugo, que perdeu os 4.000 euros de aportación da Xunta”.

A edil de Cultura afirmou que a praza de Santa María "contará con menos aforo debido ás obras que a Xunta está a executar na Catedral", e confirmou que o Concello garantirá o acceso peonil a través da praza Fernando de Casas Novoa para as persoas con mobilidade reducida.

A responsable de Cultura explicou que por mor das intervencións que a Xunta está a realizar na Catedral e no seu contorno, a praza de Santa María verá reducido o seu aforo para as actividades previstas no programa do San Froilán. “É incomprensíbel que non se planificasen estas actuacións evitando coincidir cun dos momentos de maior afluencia nesta praza, como son as festas do San Froilán”, insistiu Ferreiro.

Sobre o Expolugo, Maite Ferreiro destacou que se trata “dunha mostra cunha grande importancia, tanto pola súa vinculación ao mundo rural como polo seu atractivo turístico e económico para a cidade, non entendemos como a Xunta decidiu retirar a súa colaboración deste evento".

⚙ Configurar cookies
0.088053941726685