Destacan o éxito dun San Froilán que encheu as rúas de Lugo durante nove días

LugoXa
A edil de Cultura fixo balance das festas e agradeceu o traballo do persoal municipal e dos colectivos que contribuíron ao bo desenvolvemento da celebración
San-Froilán-Lugo-2025
13 Oct 2025

A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, fixo balance das festas do San Froilán unha vez rematada a programación principal, subliñando que “malia que o Recinto Feiral continúa aberto hoxe, podemos dicir xa que as veciñas e veciños de Lugo e as persoas que nos visitaron gozaron dunha nova edición do San Froilán”.

A responsable municipal aproveitou tamén para expresar o seu agradecemento a todas as persoas, empresas e colectivos que colaboraron na organización, facendo unha mención especial aos distintos departamentos do Concello que “traballaron de xeito continuado para que as festas fosen un éxito, como o persoal de Cultura, a Policía Local, os bombeiros e o servizo de limpeza”.

Ferreiro salientou que “as prazas e rúas cheas de xente durante os nove días de celebracións evidencian o éxito das festas”, destacando que desde a área de Cultura se elaborou un programa “pensado para chegar a todo tipo de público”. A edil asegurou que a participación nos concertos e nas diferentes actividades “foi máis que satisfactoria, tanto por parte da veciñanza como das persoas visitantes, que disfrutaron do San Froilán desde o seu inicio o día 4 ata o seu remate na noite de onte”.

A responsable municipal incidiu tamén en que o San Froilán serviu como “un escaparate para a promoción da cultura lucense”, lembrando que preto de cincuenta grupos locais participaron nas actividades de animación de rúa, que volveron ser un dos elementos máis característicos da festa. Ademais, fixo referencia ao concerto da Banda Municipal, que “volveu soar despois de moitos anos de traballo para acadar este obxectivo”.

Ferreiro puxo en valor a implicación de colectivos e asociacións que organizaron actividades dentro do programa oficial, así como a ampla participación infantil nas máis de vinte actuacións do San Froilán Miúdo e nas preto de vinte actividades deportivas que se desenvolveron coincidindo coas festas.

VALORACIÓN DO ALCALDE

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, fixo un balance moi positivo do San Froilán 2025, unhas festas que cualificou como “extraordinarias, tanto pola participación da veciñanza como pola resposta impecable dos servizos municipais e pola acollida dos milleiros de visitantes que fixeron de Lugo o epicentro cultural e festivo de Galicia neste outono”.

O rexedor destacou que o San Froilán “volveu demostrar que é moito máis ca unha cita no calendario: é un encontro co orgullo de ser lucenses, coa nosa lingua, coa nosa cultura e coa nosa maneira de vivir”. Subliñou ademais que a convivencia, a seguridade e a limpeza foron “unha constante” durante toda a programación grazas ao traballo coordinado dos corpos de seguridade, Protección Civil, os servizos de limpeza e o conxunto do persoal municipal.

Fernández incidiu en que “o San Froilán é o corazón de Lugo e o mellor escaparate do que somos e queremos seguir sendo: un espazo de encontro, convivencia e cultura popular que cada ano medra en participación e en orgullo compartido”. Durante dez días de celebración, as patronais ofreceron máis de 300 actividades culturais, sociais e musicais que enchéron de vida as rúas, prazas e barrios da cidade, con propostas para todos os públicos, desde grandes concertos na Horta do Seminario e na Praza de Santa María ata programación familiar no San Froilán Miúdo, pasarrúas, mostras de danza, teatro e citas folclóricas que combinaron tradición e modernidade cunha clara aposta pola diversidade e a inclusión.

O alcalde puxo tamén en valor o impacto económico e turístico das festas, que dinamizaron o comercio, a hostalaría e o sector servizos. “O San Froilán é un motor económico para Lugo e contribúe de maneira decisiva á desestacionalización do turismo. Moitas persoas repiten cada ano e outras chegan por primeira vez atraídas pola autenticidade e polo ambiente único destas festas”, sinalou.

O rexedor quixo ademais recoñecer o traballo de todas as áreas implicadas, facendo fincapé no operativo de seguridade, apoiado no centro móbil de control da Policía Local, que permitiu unha resposta inmediata ante calquera incidencia e reduciu de novo os tempos de intervención. En materia de limpeza, destacou o dispositivo especial activado pola Área de Transición Ecolóxica, que contou con máis de 40 operarios e 17 vehículos para manter en condicións óptimas as zonas de maior afluencia, como a Praza Maior, a Horta do Seminario e as casetas do polbo. “Lugo amosou a súa mellor cara, unha cidade limpa, coidada e responsable, grazas ao esforzo dos traballadores e traballadoras municipais que cada día comezaban antes do amencer para devolverlle o seu esplendor á cidade”, afirmou Fernández.

O alcalde agradeceu de maneira especial a implicación do persoal municipal e dos corpos de seguridade, subliñando que “o éxito do San Froilán é o éxito de toda a cidade, dunha cidadanía que fai das patronais un exemplo de civismo, hospitalidade e orgullo compartido”. Engadiu que “estas festas volven situar a Lugo como capital cultural e emocional de Galicia, coa Muralla como testemuña dunhas celebracións que son historia viva e motor de futuro”.

“O San Froilán é, como dicía Cunqueiro, a gran festa do outono galego, pero tamén é unha declaración de amor a Lugo: ás súas rúas, á súa xente e á súa identidade. Que cada persoa que nos visitou leve un anaco deste espírito é, sen dúbida, o mellor balance posible”, concluíu o rexedor.

⚙ Configurar cookies
0.071455001831055