Maite Ferreiro inaugura a exposición de gravados 'Cartas ao Mar', do artista arxentino Néstor Goyanes

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro inaugurou no Vello Cárcere a exposición Cartas ao Mar, unha escolma de gravados do artista arxentino Néstor Goyanes. A exposición, que forma parte dos fondos do Museo do Gravado á Estampa Dixital de Ribeira, chega a Lugo promovida polo Consulado Xeral da República Arxentina en Galiza coa colaboración da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.
Comisariada por Xoán Pastor e Xan Leira, Cartas ao Mar ofrece un percorrido visual e emocional pola experiencia migratoria. A través de técnicas como a xilografía, a litografía ou o colaxe, Goyanes dá forma a un universo íntimo onde conflúen recordos, documentos, imaxes e sentimentos compartidos por milleiros de familias galegas que viviron a emigración. O acto desta tarde contou coas intervencións da responsábel de Asuntos Culturais do Consulado, Vera Paula Pozzi, ademais do comisario da mostra, Xan Leira e Xoan Pastor en representación do Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital de Ribeira.
Néstor Goyanes é un artista cunha longa traxectoria nas artes plásticas arxentinas e internacional, tamén, é impulsor de numerosas iniciativas de promoción do gravado, entre elas salienta a creación do Mini Print Internacional Galicia, promovido pola Asociación Taller Experimental de Obra Múltiple Contamporánea, de Vilariño, Cangas do Morrazo. Nado en Bos Aires en 1960 e descendente de galegos, o autor transforma elementos cotiáns como sobres, cartas ou fotografías en pezas cargadas de significado. Nas súas obras resoan ecos dun pasado colectivo, cunha mirada que conxuga memoria persoal e identidade cultural. A mostra interpela ao público sobre o sentido de pertenza, a raíz e o vínculo emocional co país de orixe.
A exposición poderá visitarse ata o 31 de xullo nos horarios habituais do Vello Cárcere. "Esta é unha oportunidade única para achegarse, a través da arte, a unha parte esencial da historia galega e arxentina" afirmou Maite Ferreiro.