Maite Ferreiro presenta a nova programación de animación á lectura e contacontos en Lugo

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou a nova edición da programación de animación á lectura e contacontos, destinada a achegar ás nenas e nenos á biblioteca e ao mundo da lectura, con especial atención ao fomento da igualdade de xénero.
"Con estas actividades queremos incentivar o interese pola lectura desde idades temperás e ofrecer experiencias lúdicas e educativas", explicou Ferreiro.
Nesta edición, o MIHL será o principal escenario das actividades, achegando á cidadanía un espazo cultural máis. Para asistir, será necesario retirar entrada gratuíta a través do portal entradaslugo.es. As persoas adultas acompañantes tamén deben retirar entrada, pero para priorizar o público infantil só se permitirá un adulto por unidade familiar, cun máximo de tres entradas por persoa.
O ciclo comprende sete actividades que se desenvolverán entre o 16 de outubro e o 4 de decembro, adaptadas a diferentes franxas de idade:
O xoves 16 de outubro ás 18:00 horas no MIHL, Fran Rei presentará “Superheroe”, para nenos e nenas a partir de 5 anos, un espectáculo de 55 minutos no que un superheroe debe enfrontar perigos e tarefas cotiás mentres xestiona a súa axenda familiar.
O venres 24 de outubro ás 18:00 horas na biblioteca, O Faiado de Nin ofrecerá o obradoiro creativo “Superlectoras/es. Deseño de bolsas-mochila” para maiores de 7 anos, onde os participantes crearán e personalizarán bolsas ou mochilas para compartir a súa paixón pola lectura.
O xoves 30 de outubro ás 18:00 horas no MIHL, Cris de Caldas presentará “A bibliotecaria estrafalaria 2.0” para nenos e nenas a partir de 4 anos, un espectáculo de 50 minutos no que Candelaria vive aventuras ao redor de historias sorprendentes.
O xoves 6 de novembro ás 18:00 horas no MIHL, O Baúl da Tía Tola ofrecerá “Tilintilonia”, un espectáculo teatral para bebés de 1 a 5 anos de 30 minutos, explorando cores, texturas, obxectos e emocións nun pequeno planeta habitado por Tilín e Tilón.
O xoves 20 de novembro ás 18:00 horas no MIHL, Trinketrinke Teatro presentará “Viaxes e cancións dos Ratos de Lonxedetodo” para nenos e nenas a partir de 4 anos, un espectáculo de 45 minutos con música e contos en directo dun grupo que leva 32 anos visitando bibliotecas galegas.
O xoves 27 de novembro ás 18:00 horas no MIHL, Profe Alba ofrecerá “Cociñando contos” para nenos e nenas a partir de 3 anos, un espectáculo de 50 minutos que combina diversión, maxia e imaxinación na creación de historias.
Finalmente, o xoves 4 de decembro ás 18:00 horas no MIHL, Joshua Kenneth presentará “Ler para crer”, un espectáculo de ilusionismo de 45 minutos para nenos e nenas a partir de 4 anos que mestura lectura e maxia para descubrir a arte do imposible.