Maite Ferreiro recibe no MIHL ao elenco do ciclo Atopémonos Bailando
A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, recibiu no MIHL ás artistas que están a traballar na segunda edición do programa de residencias artísticas e investigación Atopémonos Bailando, impulsado polo Colectivo Glovo, e apoiado pola Área de Cultura do Concello de Lugo.
"Este ciclo reúne a compañías emerxentes da danza contemporánea galega e lucense", explica Maite Ferreiro, quen convida a todo o mundo a asistir a esta mostra “baseada no impacto da cristalografía na arte, e máis concretamente no baile flamenco”. Esta peza de danza convida ao espectador a observar un corpo atravesado pola influencia do cristal.
Este domingo, 23 de xullo ás 19 horas, o MIHL será escenario da mostra aberta de La danza ordenada, da recente gañadora dos Premios MAX 2023 Vanessa Aibar.
Maite Ferreiro afirmou que "o ciclo Atopémonos Bailando é un encontro do público coa creación a través dunha programación de pezas curtas de danza acompañada de obradoiros para achegar este tipo de espectáculos á veciñanza".
Vanesa Aibar
Bailaora e creadora nada en Xaén que desenvolve o seu traballo a partir da danza española e o flamenco ata desembocar nunha «danza moderna, libre, estética e de cualidades técnicas envidiables».
Premio Max - Mellor intérprete feminina, edición 2023