Maite Ferreiro reúnese co director do Centro Dramático Galego

Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, mantivo un encontro co director do Centro Dramático Galego para "continuar a traballar da man na promoción do teatro nas distintas instalacións culturais de Lugo". Ferreiro afirmou que o compromiso da Tenencia de Alcaldía é "achegar a cultura a todos os públicos nos distintos espazos dispoñibles na cidade, cunha oferta variada e de calidade".
A edil de Cultura afirmou que no ano 2024, as instalacións dependentes da área de Cultura acolleron en total 694 actividades culturais tanto nas principais instalacións - Auditorio Gustavo Freire, Vello Cárcere, MIHL - como en espazos diversos da cidade como o Círculo das Artes ou as múltiples actividades de rúa. "Isto danos que, de media, as persoas de Lugo puideron desfrutar cada día de case dúas actividades culturais, cunha oferta ampla e variada", afirmou Ferreiro.
Esta programación cultural inclúe actividades de todo tipo durante a maioría dos días da semana. Concertos, representacións teatrais, presentacións de libros, exposicións, ou faladoiros que, segundo destacou Ferreiro, "permiten á veciñanza de todas as idades adentrarse e coñecer o mundo da cultura e de todas as súas ramas".
No referente ás artes escénicas Ferreiro destacou a importancia do Auditorio Municipal Gustavo Freire, que contou con 111 actividades organizadas directamente pola área de Cultura, onde se inclúen ciclos de teatro familiar, para público adulto e 1ª infancia, artes do movemento, maxia e circo ou música, ademais de 70 actividades organizadas por promotores privados. Ferreiro afirmou que "de cara a 2025 seguiremos a ampliar a programación ao contarmos cunha instalación máis, o Auditorio Fuxan os Ventos".