Maite Ferreiro sostivo que "os centros educativos de Lugo disporán de infraestruturas seguras e en bo estado"

LugoXa
Os populares amosan a súa sorpresa ante o anuncio de que o Concello destinará 100.000 euros a traballos de conservación en centros educativos da cidade
Maite-Ferreiro-visita-centro-educativo
7 Nov 2024

A concelleira da área de Educación no Concello de Lugo, Maite Ferreiro, acompañada pola xefa de servizo, Beatriz Pérez, e polo director do centro, visitou o CEIP Illa Verde para supervisar o inicio e progreso das obras de mantemento que o Concello está a executar nos centros educativos municipais.

Durante a visita, Ferreiro revisou as intervencións en curso e recolleu as demandas pendentes, asegurando que os colexios e escolas infantís de Lugo disporán de infraestruturas seguras e en bo estado.

A concelleira lamentou que estas actuacións de mantemento e conservación, fundamentais para o día a día dos centros educativos, recaian exclusivamente sobre o Concello, pois “a Xunta non está atendendo as necesidades estruturais que se lle reclaman de forma continuada”, afirmou Ferreiro. “Mentres a Xunta desatende estas necesidades urxentes, desde o Concello facemos un esforzo importante para que os centros poidan ofrecer espazos seguros e adecuados”, destacou.

As actuacións están incluídas no obxectivo de mantemento, conservación e reparación dos CEIP e Escolas Infantís Municipais e abranguen traballos en cubertas, alicatado, revestimentos, cerraxería, carpintería, pintura e outras melloras para asegurar que as instalacións estean sempre en condicións óptimas de uso.

“Melloramos a seguridade e prolongamos a vida útil dos edificios municipais en aspectos que precisan atención constante e onde a Xunta non está a intervir pese ás reiteradas solicitudes da comunidade escolar”, incidiu a concelleira.

O contrato de mantemento supón unha inversión de 100.000 euros.

Para Ferreiro, estas intervencións son esenciais para evitar o deterioro das infraestruturas e garantir que continúen cumprindo cos estándares de calidade que a comunidade educativa merece. “O Concello reafirma o seu compromiso coa educación e co benestar da comunidade escolar, comprometéndose a seguir investindo no mantemento e na mellora dos espazos educativos”, insistiu a concelleira.

“Seguimos comunicando aos equipos directivos dos centros educativos que trasladen á Unidade Técnica da Xunta as necesidades urxentes da comunidade escolar, especialmente en melloras estruturais, coa finalidade de garanter a estabilidade e seguridade que a educación infantil merece”, concluíu Maite Ferreiro.

Así mesmo, a concelleira mantivo unha xuntanza co Consello Escolar Municipal, coa participación de representantes de todos os centros educativos da cidade. Esta reunión, que contará coa presenza do Concello de Lugo e da Xunta de Galicia, ofrecerá aos centros unha oportunidade para expoñer de forma directa as súas necesidades e demandas ás distintas institucións.

A oposición expresa sorpresa polo anuncio dos 100.000 euros

Os populares amosan a súa sorpresa ante o anuncio de que o Concello destinará 100.000 euros a traballos de conservación en centros educativos da cidade "o mesmo día en que piden ás equipas directivas dos centros que comuniquen as necesidades urxentes das comunidades escolares".

Así, desde o PP pregúntanse "cómo saben o que van precisar investir se aínda non saben o que teñen que solucionar?. O concelleiro Javier Vázquez lembrou que o lóxico sería ter convocado esta reunión do Consello Escolar a finais do curso pasado, para poder facer os investimentos precisos nos meses estivais e comezar o curso en setembro coas deficiencias dos centros solucionadas.

Para o PP, o bipartito "soamente está tentando tapar as múltiples deficiencias na súa xestión da área de Educación, que acumula todo tipo de problemas e incidencias (dende a EI Gregorio Sanz ata a Escola de Música) o que tamén ten o seu reflexo na lentitude e desidia coa que afrontan as súas obrigas no que respecta ao mantemento das instalacións dos centros educativos".

Para o concelleiro Javier Vázquez, que o bipartito pretenda culpar á Xunta de Galicia da incapacidade amosada para asumir as súas responsabilidades coma gobernantes da cidade "só é outro exemplo máis de que este é un goberno esgotado ata para atopar escusas", conclúe.

0.18619799613953