Maite Ferreiro visita as instalacións da Banda e a Escola de Música da man do seu director
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, visitou as instalacións da Escola e da Banda Municipal de Música, xunto co director que se reincorporou na xornada de hoxe David Fiuza. Na xuntanza, ferreiro deulle a benvida ao director e participou na primeira xuntanza co persoal da Banda, de cara a organizar o vindeiro curso na Escola Municipal de Música. A concelleira de Cultura afirmou que a Escola de Música "garante que todas as persoas poidan entrar no mundo da Música independentemente do seu poder adquisitivo", e destacou a "ampla oferta formativa" do centro.
A Escola ofertará neste curso clases de Clarinete, Saxofón, Gaita, Fagote, Trompa, Trompeta, Trombón, Bombardino e Tuba, Percusión e Piano, que terán unha duración de 30 minutos e serán individuais ou de 60 minutos compartidas. No bloque B ofertarase tamén Música e Movemento, para nados no ano 2019 e 2020, Formación Básica, grupo 1 para nados en 2018 e grupo 2 para nados en 2017, e o curso 1 de Linguaxe Musical, para nados entre 2009 e 2016, xunto cos cursos 2 a 6 de Linguaxe Musical para nados entre 2009 e 2015 e todos os cursos para adultos.
David Fiuza
O novo director da Banda Municipal, David Fiuza (Vila de Cruces, 1985), conta cunha ampla experiencia no posto de dirección, sendo titular da dirección nas bandas de Lalin e Gran Canaria. A maiores, foi director convidado da Banda Municipal da Coruña, Banda Artística de Merza, Banda Sinfónica Municipal de Madrid, Banda Municipal de Palma de Mallorca, Banda Municipal de Santiago de Compostela, Banda Municipal de Pontevedra, Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, Orquestra Xove Vigo 430, Orquestra Armónica de Buñol, Banda da Unión Musical de Meaño e na Orquestra Simfónica da Companhía Portuguesa da Opera. Ademais, conta con experiencia como profesor en múltiples escolas de música, e colabora en accións formativas co conservatorio de música de Lugo.