Malia o gromo de Paradai, Lugo continúa reducindo a presenza da covid
A provincia continúa reducindo o número de casos activos de covid e nesta xornada de sábado tamén reduce a hospitalización malia dos gromos activos en Lugo e Guitiriz.
Así, son 901 casos activos, que son 41 menos que onte. Na xornada anterior o descenso foi de 78.
Rexistráronse nas últimas 24 horas 28 casos novos (onte foron 36), o que implica un novo descenso da media das últimas xornadas que estaba en máis de 30 novos diarios. Ademais, as altas chegaron ás 10.386, 79 en 24 horas, o día anterior foron 111.
Dende que comezou a pandemia, no mes de marzo do pasado ano, hai 11.490 casos rexistrados e 198 persoas falecidas.
A presión hospitalaria volve baixar. Nas UCI hai 21 ingresados (os mesmos que onte), todos no Hula, e en planta hai 38 enfermos, 3 menos, 25 no hospital de Lugo (4 menos), 5 na Mariña (2 máis) e 6 en Monforte (2 menos). O Polusa de Lugo ten 2 enfermos (1 máis).
A vacinación comezou xa nos distintos concellos entre o persoal de Axuda no Fogar.
POR COMARCAS
A Mariña
Viveiro non reduce aínda a incidencia por terceiro día e no resto da Mariña, todos por debaixo de dez casos.
- Viveiro continúa por terceiro día con 22 casos.
- Trabada e Lourenzá non teñen casos novos nos últimos 15 días.
Terra Chá
Guitiriz reduce a incidencia esperando que teña superado o pico da curva no intenso gromo dectectado na vila. No resto a situación continúa mellorando agás en Outeiro de Rei que volve sumar 2 casos.
- Vilalba continúa á baixa con 42 casos, 8 menos.
- Guitiriz reduce 3 casos máis e chega a 118.
- Cospeito segue en 10.
- Outeiro de Rei suma 2 contaxios con 14.
- Pol, Abadín e Xermade están sen casos novos nos últimos quince días.
- No veciño Concello das Pontes rebaixa 2 casos ata 30.
Centro da provincia
Malia o gromo do barrio de Paradai, a presenza da covid na cidade de Lugo continúa á baixa. Cervantes entra tamén no grupo dos concellos sen casos nos últimos 15 días e só O Corgo ten máis de dez.
- Lugo segue á baixa, con 19 casos menos, 238 en total.
- Guntín xa está por debaixo de 10 casos.
- O Corgo tamén mantén 22.
- A zona da Montaña continúa con varios concellos sen casos nos últimos días como Negueira de Muñiz, Navia Cervantes e Ribeira de Piquín. Tamén Antas de Ulla está nesta situación.
Comarca de Sarria
Só queda a vila de Sarria con máis de dez casos activos, pero segue reducindo a incidencia día a día.
- Sarria reduce ata 18 casos, 2 menos que onte.
- Samos, Triacastela, O Incio e O Páramo están xa sen casos novos dende hai 15 días.
Ribeira Sacra
Monforte, que segue á baixa, e Taboada son os últimos xa por riba de 10 casos novos. Sober está xa no límite e o resto por debaixo.
- A vila de Monforte contabiliza hoxe 66 casos, 4 menos.
- Taboada rebaixa 2 ata 12.
- Sober rebaixa 2 casos ata 10.
- Folgoso do Courel está sen casos dende hai máis de 15 días.